A concelleira de Ensino e Participación Cidadá, Cristina Fernández, quere agradecer a todos e todas as participantes na cuarta edición da Semana das Ciencias facendo que nesta edición, incrementase o interese da cidadanía medrando o número de participación en cada un dos actos.
Cristina Fernández adianta que nesta última edición foron máis os e as que se achegaron aos relatorios ofrecidos na sala multiusos do auditorio municipal impartidos por coñecidas científicas e divulgadoras relacionadas coa saúde como a doutora Cristina Represas, a psicóloga Yéssica Rama, a criminóloga Coromoto Souto ou a fisioterapeuta Iria Dacuña, ademais do doutor Xurxo Mariño e Manuel Isorna ou Serafín J. González pero, sen dúbida, destaca o aumento de público na Feira das Ciencias que este ano tivo que prescindir de exporse na praza Bugallal por mor da chuvia e foi trasladada ao pavillón do CEIP Nosa Señora dos Remedios.
“Máis de mil visitantes compartiron co alumnado e profesorado de cada stand os experimentos e traballos sendo parte activa desta feira na que, por vez primeira, tamén participaron as tres universidades galegas. Sen dúbida este ano, a pesar de non poder estar na rúa, houbo moito máis público”.
A comunidade educativa tamén trasladou a súa satisfacción polas visitas realizadas a empresas da zona e o profesorado puido participar no seminario impartido pola ponteareá Thais Pousada, Doutora en Ciencias da Saúde.
O congreso do alumnado foi todo un éxito e as nosas futuras e futuros investigadores tiveron a ocasión de converterse en relatores das súas propias investigacións, sendo agasallados pola concellería cunha publicación que recolle todas as súas ponencias.
O museo científico espertou a curiosidade do alumando de cuarto da ESO e 6º de primaria de todos os centros educativos con máis de 70 obxectos que obrigatoriamente había que manipular.
A climatoloxía obrigou a adiar unha das novidades desta cuarta edición e, deste xeito, a primeira Feira da Saúde e do Benestar terá lugar o vindeiro sábado día 27 de abril na contorna da Praza Bugallal organizada en colaboración co comercio local a través de Banastra.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, felicita á concelleira e a todo o departamento de Ensino por acadar tan bos resultados e facer da partipación un método de traballo efectivo.