A iniciativa “Venres polo Planeta” recala no monte da parroquia de Prado para unha limpeza voluntaria

A concellería de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó convoca unha nova acción de compromiso medioambiental enmarcada dentro da iniciativa “Venres polo planeta”.

A nosa mocidade e todo aquel e aquela que o desexe poderá colaborar na limpeza do monte da parroquia de Prado este venres.

A acción desenvolverase de 16 a 18 horas e o punto de encontro será a igrexa San Nicolao de Prado.

Tan só é preciso ir equipados de luvas e botas e confirmar asistencia inscribíndose no enderezo electrónico  voluntariado@ponteareas.gal  ou no número de teléfono 687 764 516.

Un venres de cada dous a mocidade e o voluntariado limpará un recuncho do noso patrimonio natural.

Os venres polo planeta son un dos primeiros pasos que a concellería de Miguel Bouzó puxo en marcha  para dar cumprimento ao aprobado no pasado pleno ordinario para incrementar as accións encamiñadas a frear a crise climática, dando así resposta ao cumprimento do obxectivo de desenvolvemento sostible número 13 relacionado coa accións de compromiso polo clima.

Os “Venres polo planeta” camiñan ademais na liña da estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable” e promove a participación e a implicación na procura dunha vila máis sostible e respectuosa co medio ambiente.