A humanización da rúa Redondela amplíase incorporando o soterramento dos cableados telefónicos

O goberno do BNG-PSOE informa que grazas ao acordo entre o Concello e a compañía telefónica a rúa Redondela será a primeira da vila que terá todo o cableado soterrado

A humanización da rúa Redondela incorporará o soterramento dos cableados telefónicos o que suporá unha mellora engadida ás xa previstas inicialmente no seu proxecto de reurbanización. Tralo acordo acadado entre o Concello e a compañía de telefonía as obras deixarán listas as canalizacións necesarias para a posterior instalación do cableado de xeito que non haia que volver obrar. Esta decisión ademais, facilita futuros cambios de cableado.

A pesares de que o Concello xa informara hai máis de dous anos ás compañías de telefonía da súa vontade de realizar esta actuación, a titular dos actuais cableados aínda vén nestes días de comunicar a súa conformidade con aproveitar esta oportunidade unha vez que se iniciaron as obras.

O Concello decantouse por esta opción ao supoñer unha mellora engadida na humanización desta rúa que será a primeira da vila que terá todo o seu cableado de telefonía soterrado e sendo conscientes de que esta tardía resposta conlevaba introducir unha modificación no proxecto inicial e ampliar o prazo de execución a mediados do mes de febreiro.

Soterrar os cableados e retirar postes das beirarrúas liberará de obstáculos físicos e visuais a nova rúa Redondela que terá unha imaxe máis limpa.

 

Ao mesmo tempo, o Concello está ultimando o acondicionamento do novo aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda, na esquina con Rúa Redondela que suporá a dotación dunhas 40 prazas de aparcamento.

As obras de humanización supoñen unha transformación completa da rúa Redondela, que pasará de contar con beirarrúas moi estreitas, itinerarios peonís interrumpidos ou ausencia case total de arborado e sombra a converterse nunha rúa con amplos espazos para o paseo e estancia das persoas, con preto de 40 árbores e sombra, mobiliario urbano e nova iluminación, ademais de servizos soterrados completamente renovados.

As obras de mellora da rúa Redondela son financiadas nun 80% cos fondos europeos de desenvolvemento rexional, FEDER, no marco da estratexia de futuro “Ponteareas, hábitat saudable” e perseguen obxectivos que camiñan na liña das cidades comprometidas cos ODS 2030, cidades amables na que as persoas conten.