A Fundación Reveriano Soutullo organiza unha fin de semana dedicada ao prestixioso compositor ponteareán

Dúas xornadas que servirán para celebrar o centenario da obra “Amores de Aldea” e para presentar o primeiro CD que se edita dende a propia Fundación e que foi interpretado pola Banda de Música Xuvenil de Xinzo

xornadas-reveriano-soutullo-1O Auditorio Reveriano Soutullo acollerá os vindeiros 17 e 18 de outubro unhas xornadas en memoria do compositor ponteareán que pon nome ao propio Auditorio Aunicipal. As “Xornadas sobre Reveriano Soutullo”, organizadas pola Fundación Reveriano Soutullo, contan coa colaboración do Concello de Ponteareas e da Xunta de Galicia.

O evento foi presentado no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas en presenza de Rosa Arija Soutullo, presidenta da Fundación Reveriano Soutullo e neta do afamado compositor; de Hortensia Bautista, concelleira de Cultura; de Xosé Represas, alcalde ponteareán; de Manuel Otero, presidente da Banda de Música Xuvenil de Xinzo; de Juan Carlos Díaz, director artístico da gravación do CD; e de Ángel Montes, novo director da Banda desta parroquia ponteareá.

Unha fin de semana dedicada a un dos músicos máis relevantes da vila, que chegou a acadar prestixio internacional e que este ano celebra o centenario de “Amores de Aldea”, unha zarzuela estreada en Madrid o 16 de abril de 1915 que conseguiu traspasar o Atlántico, sendo interpretada en países como Cuba ou Arxentina.

fundacion-reveriano-soutullo-2

Hortensia Bautista e Rosa Arija Soutullo na sede da Fundación Reveriano Soutullo

A obra de Reveriano Soutullo é un “legado cultural” en palabras de Hortensia Bautista, “posto en valor grazas ao enorme traballo de organizacións como a Fundación ou a Banda de Música Xuvenil de Xinzo”. Co gallo da celebración deste evento, a edil de Cultura tamén quixo coñecer en “primeira persoa a sede da Fundación Reveriano Soutullo, un pequeno museo do que todos os veciños e veciñas de Ponteareas nos debemos sentir orgullosos”.

A cuarta edición do Simposio de Musicoloxía Reveriano Soutullo estará centrada nesta zarzuela galega e terá lugar o sábado, 17 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20:00 horas pola tarde, na sala de múltiples usos do Auditorio Municipal. Rosa Arija salientou o “interese que ten este simposio, non unicamente pola obra Amores de Aldea, senón tamén porque foi composta nunha época especialmente importante da música española”.

O simposio servirá, entre outras cousas, para situar “Amores de Aldea” no panorama musical galego dos primeiros anos do século XX, para analizar a divulgación que tivo esta obra ao longo do tempo, ou para coñecer máis polo miúdo os personaxes que aparecen nesta zarzuela.

O domingo 18 de outubro será o momento de presentar o CD “Ponteareas”, primeiro traballo musical editado dende a Fundación Reveriano Soutullo no que se atopan moitas obras do compositor que nunca foran gravadas até o día de hoxe. As obras serán interpretadas en concerto na sala principal do Auditorio pola Banda de Música Xuvenil de Xinzo, que tamén foi a organización encargada de interpretalas en estudo.

Juan Carlos Díaz, director artístico encargado da gravación do CD, salientou “a diversión que supuxo este traballo para todos os músicos”, ademais dun “reto, pois é un estilo de música que en ocasións resulta complicada de tocar”. Manuel Otero, presidente da Banda manifestou “o desexo de que sexa o primeiro disco de Soutullo interpretado pola Banda de Música Xuvenil de Xinzo de moitos máis”.

A gravación do disco correu a cargo da Radio Galega e a produción foi realizada pola editorial Dos Acordes.

Algunhas das obras que forman este CD foron compostas na primeira década do século XX, cando Reveriano Soutullo aínda era un estudante no Conservatorio Superior de Música de Madrid e contaba menos de 25 anos. Xosé Represas, alcalde ponteareán, presentou o evento como unha “fermosa oportunidade de coñecer aspectos até agora descoñecidos dun dos mellores compositores que deu esta vila”, engadindo que actos “nos que se poñen en valor figuras ilustres de Ponteareas a través da participación de artistas actuais do municipio, sempre contarán co apoio deste goberno local”.

 

Consulta a programación aquí.