A Fundación Reveriano Soutullo descubre 47 novas obras do Mestre ponteareán

O descrubrimento é froito do traballo de investigación de Alejo Amoedo, pianista, asesor da Fundación e autor da inminente tese doutoral sobre “o piano na obra de Soutullo”

 

Q55A1192O Salón de Plenos do Concello de Ponteareas foi o lugar escollido para presentar oficialmente o descubrimento dun total de 47 novas achegas do compositor Reveriano Soutullo, das cales 35 son títulos descoñecidos e das outras 12 si se coñecía o título pero non se conservaban as partituras. O acto contou coa presenza do principal artífice desta descuberta, o pianista e asesor da Fundación Reveriano Soutullo, Alejo Amoedo, quen está a realizar unha tese de doutoramento titulada “El piano en la obra de Reveriano Soutullo Otero (1880-1932)”.

 

Acompañando a Alejo, estiveron a presidenta da Fundación, Rosa Arija; o alcalde ponteareán, Xosé Represas; a edil de Cultura, Hortensia Baustista, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da tese que está a realizar o propio Alejo, Javier Jurado; e Xavier Garrote, natural de Ortigueira e propietario do arquivo no que Alejo puido atopar as novas achegas sobre Reveriano Soutullo. A Fundación xa dispón dunha copia dixitalizada de todos os documentos referentes a Soutullo localizados neste arquivo familiar.

 

Amoedo aproveitou a presentación para agradecer a Garrote a apertura deste arquivo e salientar “os 5.967 títulos que o compoñen, dentrro das cales se atopabanas 47 novas achegas sobre Reveriano, todas elas temperás, que nos amosan máis polo miúdo cales foron os pasos previos á composición das obras más coñecidas do xenio ponteareán”. Amoedo mostrou aos presentes documentos nos que se apreciaban diferentes traballos de Soutullo, algúns deles asinados co xa coñecido seudónimo L.Rals e que segundo o propio Amoedo permiten concluír que “se tratan de obras cuxo repertorio é unha mostra dos costumes musicais en Galicia, o cal incidiu na formación do público rural, que no primeiro terzo do século XX apenas tiña oportunidade de escoitar música en directo”.

 

Rosa Arija eloxoiu “o formidable traballo de Amoedo” e a “xenerosidade de Garrote por abrir a porta do seu arquivo”, ao mesmo tempo que aproveitou para lembrar “a proxección internacional de Reveriano Soutullo, sobre o que hoxe sabemos un pouco máis acerca dos seus inicios”.

 

Hortensia Baustita, concelleira de Cultura en Ponteareas, sumouse ao agradecemento ás diferentes partes, mentres que o rexedor municipal, Xosé Represas, recoñeceu como “un luxo ser alcalde para presidir este tipo de actos, que acentúan máis se cabe o papel de Ponteareas como capital da música clásica en Galicia”. Represas asegurou que “o Concello manterá e tentará incrementar o apoio á Fundación Reveriano Soutullo”.

 

Anxo Lorenzo felicitou a Alejo Amoedo “polo excepcional aporte que estas achegas supoñen para a súa tese de doutoramento” e fixo especial fincapé “no traballo daquelas persoas que, como Xavier Garrote, manteñen arquivos privados cuxo valor artístico é impagable, pois son unha fonte de documentación imprescindible”.

 

Finalmente, Javier Jurado, director da tese de Alejo, valorou “a posibilidade de coñecer mellor as raíces grazas a este tipo de descubertas, que permiten aos galegos saber máis do seu patrimonio cultural e aos foráneos coma min reafirmarnos no noso desexo de sermos galegos de adopción”.