A Feira do Libro de Ponteareas imponse á calor

A Feira do Libro de Ponteareas imponse á calor

 

Concello e librarías fan un balance positivo da quinta edición

 

Grande éxito da presentación de ‘Palabra de Martes’, unha compilación dos textos do alumnado do obradoiro municipal de escrita creativa

 

A Feira do Libro de Ponteareas baixou onte o pano cun grande éxito de público, que se achegou á Praza Maior para gozar da ampla programación a pesar da vaga de calor dos últimos días. Concello e librarías fan un balance positivo desta quinta edición, que conseguiu aglutinar 22 presentacións e sinaturas de libros, máis da metade creados por autoras e autores ponteareáns. “Estamos moi contentos co resultado e coa boa acollida por parte da veciñanza, que desfrutou dunha feira segura, con moita vida e todas as medidas de prevención necesarias nos intres nos que estamos”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

A quinta edición da feira pechaba o domingo as súas portas por todo o alto, coa presentación de Palabra de Martes, unha obra que recolle unha recompilación de textos escritos polo alumnado do obradoiro de escritura creativa organizado polo Concello de Ponteareas e que está coordinada pola propia formadora do curso, a escritora e actriz María Lado. Para o edil de Cultura “é un orgullo ver como o traballo que estamos a facer dende o Concello repercute na nosa sociedade de forma tan positiva e como nos permite achegar a novos nomes ao noso panorama literario”.

 

Palabra de Martes aglutina arredor de medio cento de textos escritos por 13 autores e autoras: Teresa Ríos Noya, Evaluna Stark, Javier Ogando Bautista, Hortensia Bautista, Ana Belén Fernández, Carmen Lemos González, David Fernández Columna, Laura Domínguez Meiriño, Pilar Alonso Suárez, Marta González Alonso, Daniel Eireos Quinteiro, Sara Cabaleiro García e Lome. A presentación contou coa participación da alcaldesa, Cristina Fernández Davila; do concelleiro de Cultura, Fernando Groba; da coordinadora do libro, María Lado e das e dos escritores.

 

Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira ofertou ademais de presentacións e sinaturas un amplo programa de animación dirixido a todos os públicos.

 

Ademais do pregón e da actuación musical inicial, foron moitos os cativos e cativas que participaron nos obradoiros organizados polas mañás na Praza Maior ao abeiro da feira. Destaca tamén a alta participación no certame ‘Remata o conto’, unha iniciativa da Concellaría de Cultura en colaboración co Centro Comercial Aberto Banastra coa que se buscaba fomentar a escritura en galego.