A Feira do Libro chega a Ponteareas con 22 propostas e unha morea de actividades para todos os públicos

A Feira do Libro chega a Ponteareas con 22 propostas e unha morea de actividades para todos os públicosDo 15 ao 18 de xullo a Praza Maior acollerá a quinta edición da feira. As librarías ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros

 

Ponteareas quenta motores para acoller a quinta edición da Feira do Libro que, do 15 ao 18 de xullo, encherá a Praza Maior de presentacións, sinaturas de libros, actuacións, concursos e actividades de animación á lectura. Unha cita que non só servirá para achegar á veciñanza á literatura, senón que “tamén lles permitirá coñecer de primeira man a moitos autores e autoras que temos na vila e na comarca. Serán catro días de actividades para todos os públicos que tamén servirá para dinamizar o sector e dinamizar Ponteareas”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira abrirá as súas casetas todas as tardes de 18.00 a 22.00 horas.

 

A programación arrancará o xoves 15 coa presentación ás 18.00 h do libro de Beatriz Cabaleiro Clover, unha porquiña diferente, á que seguirá Raquel Castro (19.00 h) coa súa obra Dormente. Ás 19.00 h tamén será a quenda de Denis Maza, que asinará exemplares do seu libro La mística de un grano de arena. Ás 20.00 h celebrarase o acto inaugural, que incluirá o pregón do humorista e ilustrador gráfico Pablo Prado e rematará cunha actuación musical. Tras a inauguración será o propio Prado, ponteareán de acollida dende que era pequeno, o que continúe coa quenda de presentación, neste caso da obra Nerea, o príncipe da sorte xunto a Manuel Rojo. A xornada rematará a cargo doutra ponteareá, Anabel Antela Castro, que asinará libros de A lingua galega no sector téxtil.

 

O venres 16 a xornada comezará ás 18.00 h coa presentación de O libro das avoas de Xosé Antonio Perozo e María Lires e a sinatura de Santiago en el fin del mundo de Jesús Bastante. Ás 19.00 h outro ponteareán, Alejandro Cid, presentará acompañado de Isabel Blanco o seu libro Historia del hombre que escribía con sangre. Nee Barros continuará ás 20.00 h coa presentación de Identidade e Alejandro Bouzó asinará libros da súa obra Pensamiento contrafáctico. Ás 21 h Santiago Lopo presentará A carteira  e a ponteareá Teresa Ríos asinará exemplares da súa obra Nos estamos preparados para medrar.

 

O sábado 17 as casetas abrirán ás 18 h coa presentación de Tiempos difíciles, de Carlos Sampedro, á que seguirá ás 19 h a de Trementina, de Samuel Merino, (19 h) e ás 20 h a de Abril, de Luz Darriba. Tamén ás 20 h as autoras ponteareás Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro asinarán libros do seu Bambán do vento e ás 21 h Xina Vega presentará O estado intermedio.

 

A feira pechará o domingo 18 cunha intensa programación. Comezará ás 18 h coa presentación de Pan con chocolate de Paula Carballeira e continuará coa de Gramo Stendhal de María Lado (19 h) e de Nus de Manuel Gago (20 h). A esa mesma hora a ponteareá Elisabeth Guerra (Yaiza Cameselle) asinará exemplares do seu La guerra de Elisabeth. A encargada de pechar a quinta edición da feira será María Lado, actriz, escritora e docente no obradoiro de escrita creativa posto en marcha polo Concello. Presentará ás 21 h a súa obra Palabra de martes.

 

O edil Fernando Groba explica que esta edición “supón para nós un dobre orgullo porque, ademais de poder celebrar unha Feira do Libro que atraerá a moito público, temos entre as e os participantes a persoas gañadoras dos premios organizados polo Concello ou vinculados aos nosos obradoiros de escritura creativa. Estamos moi satisfeitos de ver como iso repercute na nosa sociedade e como axudamos a achegar novos nomes ao panorama literario”.

Esta actividade está financiada, en parte, ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Ponteareas presume de escritoras e ilustradoras na V edición da Feira do Libro