A exposición que conxuga fotografía e literatura galega actual dende hoxe no auditorio de Ponteareas

Cincuenta autores e autoras da literatura actual galega foron retratadas pola mirada singular do fotógrafo Anxo Cabada, que as reúne nunha mostra na que cada imaxe se acompaña dun texto literario da persoa fotografada. A exposición, que leva por título  ‘O imaxinario do país. Letras de magnesio. Retratos fotográficos e autorretratos literarios de escritores e escritoras’, forma parte da programación cultural do Ano da Lingua e desde esta tarde xa pode visitarse no Auditorio Municipal de Ponteareas, onde permanecerá ata o 27 de decembro. 

No acto de apertura, interviñeron o escritor e Premio Nacional Infantil e Xuvenil, Antonio García Teijeiro, así como o fotógrafo e autor das fotos, Anxo Cabada. Tamén participaron o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Precisamente o deputado provincial asegurou durante a súa intervención que “esta proposta permítenos achegar á cidadanía o rostro das persoas que manteñen viva a nosa lingua a través da literatura, que é como unha sorte de sublimación artística do noso idioma”. Xosé Leal indicou ademais que “atopamos nesta simbiose de imaxe e texto unha mostra do xenio creador do noso tempo, da Galiza actual, porque estas son as persoas que están creando e construíndo o noso acervo cultural”.

A fotografía como reflexión

Recuperar o pulso da calma e da reflexión a través da fotografía é un dos obxectivos deste proxecto, co que Anxo Cabada quere contrapoñer o acto formal que supuña a fotografía antigamente co momento actual, no que o feito de fotografarse é totalmente cotián e, na maioría dos casos, de consumo rápido. Entre os retos que o autor das fotografías asumiu nesta proposta expositiva tamén se conta o de dar unha visión persoal e íntima de escritores e escritoras que xa contan cunha proxección e cunha imaxe pública, para o que precisou estratexias para desposuír a todos e todas as participantes no proxecto da que denominou a ‘máscara pública’.

Todas as fotografías son en branco e negro e foron tomadas co mesmo pano de fondo. Segundo Anxo Cabada  a utilización do pano responde, dunha banda, á simboloxía dos fotógrafos antigos e á recuperación dun tempo perdido no que a fotografía supuña un instante máxico. Doutra, o pano de fondo tamén unifica e dá identidade ao proxecto, igualando un fondo que supera os lugares físicos onde se realizaron as sesións fotográficas e que foron do máis variado, desde a casa dos autores e autoras, ata lugares exteriores ou a casa do fotógrafo. Á idea da fotografía como reflexión e de recuperación do pulso da tranquilidade, súmanse os textos literarios que cada autor ou autora achegou á súa imaxe. Así, a mostra presenta un equilibrio entre a mirada do autor das fotos e a mirada das persoas retratadas, tanto a través da imaxe como da palabra escrita. 

Neste proxecto, Anxo Cabada estivo traballando durante seis anos, polo que se inclúen imaxes e textos de persoas que faleceron recentemente, como é o caso de Agustín Fernández Paz, Xosé Neira Vilas, ou María do Carmo Kruckemberg. Tamén recolle as achegas de dous Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil, Ledicia Costas e Antonio García Teixeiro, do ex presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e do actual presidente, Víctor F. Freixanes, así como da académica Fina Casalderrey. Entre os cincuenta participantes poden contarse representantes de diversos estilos literarios e de diferentes idades e xeracións como son Xosé María Álvarez Cáccamo, Antía Otero, Darío Xohán Cabana, María Lado, Yolanda Castaño, María Xosé Queizán, Lucía Novas, Miguel Anxo Fernán Vello, Dores Tembrás, Eva Veiga, Baldo Ramos, Rosalía Fernández Rial, Ramón Caride, Francisco Castro, Estíbaliz Espinosa, Valentín Carrera, Chus Pato, Fran Alonso, Carmen Blanco, Caludio Rodríguez Fer, Déborah Vukusic, Anxos Sumai, María Solar, Olga Novo, Anxo Angueira, Manuel Álvarez Torneiro, Marga do Val, Xosé Vázquez Pintor, Mercedes Queixas Zas, Alfredo Conde, Pedro Feijóo, Xavier Rodríguez Baixeras, Xina Vega, Suso de Toro, Silvia Penas, María Reimóndez, Xesús Constela, Esther F. Carrodeguas, Domingo Villar, Manuel Forcadela, Xosé Luis Méndez Ferrín, e Iolanda Zúñiga.

A exposición, que comezou a súa itinerancia en Pontevedra e que pasou por Vigo, Lalín e Cangas, remata a andaina este ano en Ponteareas. Ademais, inclúe un catálogo con todas a imaxes e textos e cun prólogo do escritor e crítico literario Ramón Nicolás.