A exposición de fotografía e poesía ‘Lebres coma Gacelas’ homenaxea a Xela Arias en Ponteareas

A exposición de fotografía e poesía ‘Lebres coma Gacelas’ homenaxea a Xela Arias en Ponteareas

O Museo Municipal acollerá ata finais de abril esta mostra que se inaugura este venres 24 ás 19.00 h con recital de poesía e actuación musical

Palabra e imaxe dialogan en perfecta simbiose en ‘Lebres coma Gacelas’, unha exposición de fotografía e poesía que chega ao Museo Municipal de Ponteareas para render homenaxe á escritora galega Xela Arias. Organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello, a mostra aglutina 21 poemas asociados a 21 imaxes fotográficas, inspirándose así no libro de Arias ‘Tigres coma cabalos’ no que a autora confrontaba cada unha das súas poesías con imaxes do fotógrafo Xulio Gil.

A exposición inaugurarase este venres 24 de marzo ás 19.00 horas e no acto contarase cun recital a cargo de dúas voces da poética feminina, Olga Novo e Miriam Ferradáns, e coa actuación musical do dúo formado por Serghei Maximov ao piano e Zeus Alfaya ao violín.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba anima á toda a veciñanza a visitar o Museo Municipal de Ponteareas e deixarse inspirar por esta exposición “con poemas de autoras referentes na escritura galega que crearon un diálogo directo coa fotografía contemporánea de artistas con diferentes estilos que retratan o corpo e a contorna cunha ollada poética fixa na realidade máis inmediata”.

A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 24 de abril.