A exposición ‘Corpus en flor’ descobre máis de 30 materiais vexetais empregados na confección das alfombras florais de Ponteareas

A exposición ‘Corpus en flor’ descobre máis de 30 materiais vexetais empregados na confección das alfombras florais de Ponteareas

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro luns 12 no vestíbulo do auditorio municipal

Os materiais empregados habitualmente na confección das alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas son de novo protagonistas durante estas datas, nunha nova exposición que abre este venres as súas portas no vestíbulo do auditorio municipal. ‘Corpus en flor’ é unha mostra que, durante catro días, permitirá descubrir a veciñanza e visitantes unha pequena representación dalgúns dos elementos esenciais e diferenciais empregados na festa grande da vila.

Ata o vindeiro luns 12 de xuño, o público poderá achegarse tanto aos materiais vexetais empregados tradicionalmente na confección das alfombras florais de Ponteareas, como o fiúncho, tuia, mimosa, hortensia ou caravel, entre outros, así como outros que foron incorporados máis recentemente a estas pezas de arte efémera, como os carulos de millo. Cada elemento estará identificado cun cartel informativo co nome da planta en galego, castelán e portugués para facilitar o seu coñecemento a todas as persoas visitantes.

A exposición estará aberta ao público dende hoxe venres 9, de 20.00 a 22.00 horas, o sábado 10 de 20.00 a 02.00 horas e o domingo 11 de 09.00 a 14.30 horas. A mostra pechará o vindeiro luns 12, xornada na que estará aberta ao público de 20.00 a 22.00 horas.