A escritora e psicopedagoga ponteareá Susana Lamela, pregoeira das festas do CORPUS 2019

A escritora e educadora Susana Lamela será a pregoeira das festas do CORPUS CHRISTI de Ponteareas, así o anunciou hoxe o alcalde en funcións, Xosé Represas, e a concelleira en funcións de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista.

Mestra e psicopedagoga exerce no CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas. Froito da súa aposta pola ensinanza de excelencia apostando pola introdución na aula das metodoloxías activas, o uso de dispositivos móbiles e da robótica, ten recibido varios recoñecementos: Ano 2014, Sello Aula Innovadora polo Proxecto Carritus; no ano 2016 gañou a 1ª Startup educativa organizada por Google en Galicia co Proxecto Faicity, por favorecer a inclusión educativa e a atención á diversidade e no ano 2017, gaña o IV Concurso de traballos por Proxectos convocado pola Xunta de Galicia, co traballo Pitiños: un proxecto do ovo á galiña.

Compaxina o seu labor docente coa impartición de cursos a outros docentes en colaboración co CFR (Centro de Formación e Recursos) de Vigo e o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) de Santiago de Compostela.

Coa presentación da súa última publicación realizada en colaboración coa Escola de Artes de Ponteareas conseguíu encher o salón de plenos. “Do dereito e do revés”, editado polo concello de Ponteareas, foi todo un éxito e chegou a todos os centros culturais e colexios do concello.

Ademais, Hortensia Bautista adiantou a programación do CORPUS que, un ano máis, aposta por ofrecer unha variedade de actividades para chegar ao máximo número de público posible e posibilitar que todas as familias participen: concertos, exposicións, desfiles de carrozas, presentacións e atraccións infantís, forman parte do programa.

Como non podía ser doutro xeito, a música é a protagonista en todos os seus estilos: tradicional, folk, de cámara, orquestras ou concertos son algunhas das suxerencias da programación de Corpus. O concerto de Uxía o luns 24 na praza Bugallal ás 23 horas ou do de Sondeseu do domingo 23 complétanse coas actuacións de orquestras e grupos tradicionais.

Este ano a música percorrerá toda a semana os portais alfombristas e haberá concertos en distintos puntos do casco urbano rematando o venres con Xurxo Souto e Voces do Arrieiro co concerto na praza Maior.

A Orquestra de Cámara Galega acompañará a lectura do pregón o domingo 16 e o xoves 13 será a presentación da revista Pregón ás 20:30 horas no salón de plenos.

No CORPUS tamén haberá oco para o compromiso social e a concellería de Benestar Social e Igualdade instalará un punto de información “Agresión Off” na noite das alfombras.

Para os máis pequenos e pequenas haberá, entre outras actividades, un tobogán acuático na rúa Braña a partir das doce do mediodía e ata as nove da noite.

As carrozas e a batalla de flores encherán de cor e bo humor as rúas o domingo 23 a partir das 19:30 nas rúas do centro urbano.