A Deputación Provincial respalda en Ponteareas as medidas de recuperación do espazo público para as persoas

A Deputación Provincial respalda en Ponteareas as medidas de recuperación do espazo público para as persoas

 

O deputado provincial Uxío Benítez e técnicos da institución percorreron a vila para coñecer as actuacións en materia de mobilidade

 

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e técnicos de mobilidade da Deputación de Pontevedra visitaron Ponteareas e percorreron a vila acompañados pola alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e membros do Goberno municipal para coñecer as actuacións en materia de mobilidade realizadas nos últimos anos dirixidas a recuperar espazo público para as persoas e reducir o tráfico a motor.

 

O percorrido incluíu as 16 rúas e prazas que se converteron en espazos de prioridade peonil con tráfico a motor limitado aos supostos autorizados. Os técnicos de Mobilidade e Uxío Benítez, que visitaran a vila antes destas actuacións, congratuláronse polo cambio profundo e positivo acometido por Ponteareas no modelo de mobilidade. “Hai dous anos miles de vehículos circulaban en todas as direccións e ocupaban o 80% do espazo público xerando contaminación e inseguridade e agora observamos con satisfacción numerosas rúas e espazos saudábeis e tranquilos para as persoas grazas a unha extraordinaria redución do tráfico a motor”, salientou.

 

A Deputación Provincial respalda en Ponteareas as medidas de recuperación do espazo público para as persoasBenítez lembrou que a Deputación vén incentivando e apoiando as políticas municipais dirixidas a acadar os obxectivos de desenvolvemento sostíbel, auspiciados pola ONU, e da axenda 2030, con medidas como a Rede de Concellos Ágora, na que se integra Ponteareas. No marco desta iniciativa, a Deputación outorgou ao Concello unha subvención de 50.000 euros para redactar os proxectos de reforma urbana das rúas Concha Brey, Constitución, Reveriano Soutullo, Senén Canido e varios tramos de Morales Hidalgo, Vidales Tomé e Virxe dos Remedios. A isto uniuse esta mesma semana a concesión de 722.000 euros para a creación do camiño escolar seguro na rúa Trobador Xoán García de Guillade dende a vila até o CEIP Ramiro Sabell e coa que o espazo para as persoas triplicarase. “Ponteareas está sendo un concello exemplar na aplicación das novas políticas de mobilidade saudábel e de recuperación do espazo público para as persoas”, engadiu o deputado provincial, que animou ao Goberno local a continuar nesa liña.

 

Ademais, os responsábeis da institución provincial coñeceron as actuacións realizadas en 21 rúas consistentes na creación de novos percorridos peonís onde non existían ou eran incompletos así como ampliacións de beirarrúas realizadas con sinalización horizontal sobre a calzada. A estas actuacións uníronse outras como a reforma da rúa San Roque, Alto da Gloria, rúa Redondela ou Complexo Deportivo e Centro de Saúde ou a da Praza de Bugallal, actualmente en obras.

 

En materia de seguridade viaria e calmado do tráfico, os responsábeis municipais amosaron aos representantes da Deputación as actuacións consistentes en protexer a visibilidade de todos os pasos de peóns da localidade, a redución da velocidade máxima a 20 km/h, os estreitamentos de carrís e eliminacións de sobreanchos, e a eliminación de itinerarios de paso ou de atallo polo centro da vila e dos dobres sentidos de circulación.

 

Como complemento destas políticas, o goberno amosou aos representantes da Deputación os novos aparcadoiros creados, como Sarmiento Rivera e Granitos de Galicia, que dan resposta á demanda de estacionamento e contribúen a que os desprazamentos dentro da vila se fagan a pé.

 

A alcaldesa Cristina Fernández agradeceu o apoio da Deputación Provincial ás novas políticas de mobilidade e o asesoramento que os seus técnicos veñen prestando ao Concello para “transformar Ponteareas e convertela nunha vila saudábel e pensada para o benestar das persoas”.