A decisión da Xunta de sancionar a ampliación da Escola Infantil leva ao Concello a suspender o uso de dúas aulas

A Xunta tolerou durante 14 anos o funcionamento sen autorización das dúas aulas creadas en 2006. A súa adaptación farase cando se conte cunha nova Escola Infantil onde trasladar ao alumnado

O goberno municipal de Ponteareas informou das súas decisións en relación á polémica ampliación da Escola Infantil realizada no ano 2006 e que supuxo a posta en marcha de dúas aulas sen autorización da Xunta de Galicia.

 

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, lembrou que “dende 2006 e durante 14 anos a Xunta tolerou o funcionamento desas dúas aulas con pleno coñecemento de que carecían da súa autorización”. Durante todos eses anos, continua a concelleira nacionalista, “a Xunta non abríu ningún expediente sancionador e so requiríu ao Concello a legalizar a ampliación. Até 2015 o goberno de González Solla recibíu oito requirimentos, non fixo nada e non foi capaz de redactar un proxecto de legalización das aulas válido”. Segundo Carrera, o goberno do BNG-PSOE recibíu un único requirimento en 2018 e “en menos de seis meses fomos capaces de redactar e presentar un proxecto que foi aceptado pola Xunta a comezos de 2019”. O goberno explica que o proxecto cifrou en 350.000 euros o custo das obras para solucionar o erro cometido en 2006 e nun ano a duración das obras. Ademais, tanto a redactora do proxecto coma os responsábeis da Xunta indicaron ao Concello que durante ese ano de obras toda a Escola Infantil, é dicir, 6 aulas máis para 82 nenos e nenas, debe pechar.

 

“Ponteareas non pode permitirse un ano coa escola infantil pechada .Por iso optamos por aprazar a execución do proxecto de legalización ao intre no que Ponteareas conte coa nova Escola Infantil prevista. Só nese caso poderemos trasladar o alumnado e executar as obras”, aclara Verónica Carrera. A concelleira explica que “por ese motivo decidimos agardar até que o pasado mes de decembro, sorpresivamente, a Xunta abríu un expediente sancionador tras 14 anos sen facelo e permitindo o uso das aulas”.

 

Verónica Carrera pedirá explicacións á Xunta para que aclare “porque actuou con benevolencia durante 9 anos cun goberno do PP e agora co goberno actual que fixo os parte dos seus deberes redactando o proxecto impón unha sanción”.

 

Segundo a concelleira de Benestar “a Xunta cambiou de criterio e non permite o que consentíu até hoxe. Por iso, para protexer os intereses municipais e evitar novas sancións vímonos obrigados a deixar sen uso as dúas aulas que contan con 29 prazas, mantendo abertas as outras seis aulas de 82 prazas, mentres non contemos cunha nova Escola Infantil para realizar o traslado e as obras”.

 

A sanción imposta e xa pagada polo Concello ascendeu a 1.800 euros, “unha ridiculez ao lado dos 320.000 euros malgastados polo anterior goberno nunhas obras ilegais”, conclúe Verónica Carrera.