A cultura urbana toma Ponteareas no Ruada Jam Fest

sdr

A concellería de Mocidade que dirixe Verónica Carrera presenta o Ruada Jam Fest, o primeiro encontro coas tendencias en cultura urbana que terá lugar o vindeiro 14 de xullo a partir das doce do mediodía.

Ao longo da xornada haberá obradoiros de iniciación e avanzados de distintas modalidades creativas. Ademáis celebrarase unha competición de danza moderna a nivel galego con participantes chegados de distintos puntos da xeografía de Galicia pero que tamén terá cabida para todos aqueles e aquelas que queiran amosar as súas habilidades co ritmo.

O parque da Feira Vella acollerá este evento de participación libre no que non fará falta inscribirse para poder participar en todas as actividades. All Style Battle 1VS1, show break, graffiti, bmx, obradoiros de beatbox, slackline, parkour, skate… son algunhas das expresións da cultura urbana que os e as participantes terán a oportunidade de coñecer ou de perfeccionar a súa práctica.

A organización disporá dun micro libre que estará aberto para expresar toda a creatividade da mocidade de Ponteareas e da área metropolitana. 

Tamén haberá dous parques móbiles de skate e parkour para uso libre. 

A sesión do DJ Mil completará o programa do Ruada Jam Fest que, por iniciativa da concellería de Mocidade, permitirá que a mocidade de Ponteareas poida expresarse e satisfacer as súas inquedanzas culturais nunha xornada aberta e totalmente de balde.

Verónica Carrera convida a toda a mocidade da área metropolitana a formar parte da cultura urbana e asistir ao Ruada Jam Fest que nace grazas ao esforzo previo da concellería que dirixe por coñecer as necesidades culturais e de formación dos máis novos de Ponteareas.