A corporación ponteareá esixe á Xunta de Galicia que asuma a xestión da Estación de Autobuses de inmediato

Esta esixencia tamén inclúe a compensación económica ao Concello de Ponteareas polos máis de 4 anos de asunción dunha competencia impropia

PQ55A0131A corporación de Ponteareas, en sesión plenaria celebrada o pasado martes 20 de outubro, acordou por maioría aprobar unha proposta do goberno municipal na que se insta á Xunta de Galicia a asumir de inmediato a competencia do servizo prestado pola Estación de Autobuses e a compensar economicamente ao Concello polo déficit xerado dende 2011, ano no que caducou o convenio que establecía a cesión por parte da Xunta de Galicia ao Concello de Ponteareas da xestión da Estación de Autobuses.

A proposta tamén contempla a posibilidade de que, no caso de que a administración autonómica non se faga cargo deste servizo, poida negociar un convenio co propio Concello para compensar os gastos de mantemento desta estación. A corporación acordou propor á Xunta de Galicia a creación dunha comisión mixta con representantes de ámbalas dúas administracións para axilizar o proceso e tamén dar traslado desta proposta ao presidente da Xunta de Galicia, ao Vicepresidente da mesma e á Dirección Xeral de Mobilidade.

A proposición do goberno, que contou cos votos a favor de todas as forzas políticas que forman a corporación agás a do grupo mixto, no que A Riada do Tea se abstivo e Esquerda Unida votou en contra, servirá “para que a mensaxe en forma de esixencia que trasladamos dende o Concello á Xunta de Galicia sexa máis forte”, asegurou Represas, quen tamén recordou que “non podemos esperar máis para solucionar un problema que leva catro anos estancado e que impide ao concello utilizar cartos necesarios noutras partidas por asumir unha competencia que non lle corresponde”.

Déficit

O rexedor quixo lembrar que “o cálculo feito polo anterior goberno local non inclúe de maneira desagregada determinados custos relacionados coa iluminación pública ou servizo de limpeza, nin tampouco determinados gastos xerais como os seguros de responsabilidade civil e outros”. Todos estes gastos, “en conxunto, ascenden a unha cifra que se aproxima aos 200.000 euros ao longo destes 4 últimos anos”.

A concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, afirmou que este goberno “toma a decisión que o anterior executivo non soubo ou non quixo tomar”, ao mesmo tempo que agradeceu “a disposición do resto de forzas para acadar este acordo, importante para os veciños e veciñas da vila porque os cartos que agora perdemos por unha xestión impropia poderán ser utilizadas para cubrir outras necesidades municipais”.