A Corporación municipal une forzas para reclamar unha partida específica nos orzamentos do Estado para a seguridade na N-120 e a construción da circunvalación

O Pleno tamén aprobou a Conta Xeral do ano 2020 cun resultado positivo de case 214.000 euros, o que indica a boa saúde financeira do Concello

 

A Corporación municipal de Ponteareas une forzas para reclamar ao Goberno do Estado unha partida específica nos Orzamentos Xerais para as obras de mellora da seguridade na N-120 e para a construción da variante, unha demanda histórica da vila. Os grupos municipais do BNG, PP, ACIP e PSdG-PSOE levaron unha moción de consenso a pleno para instar ao Goberno a que comprometan as partidas económicas precisas para desenvolver os dous proxectos, unha de 4 millóns de euros para a seguridade viaria na N-120 e unha primeira anualidade para a construción da variante “tendo en conta os compromisos asumidos polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) para a variante de acordo á planificación dos traballos”.

 

Durante o pleno lembrouse que nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 figuraba unha partida de 27 millóns de euros para estas obras que se mantiveron nos anos 2019 e 2020 sen executar e que desapareceron dos orzamentos do ano vixente. A Corporación considera que os 100.000 euros que se contemplan para a variante no actual borrador para 2022 son “insuficientes para poder levar a cabo calquera avance significativo na realización desta obra. Entendemos que o Goberno do Estado volve esquecerse unha vez máis de proxectos que son de vital importancia para a nosa vila”.

 

Por outra banda, en febreiro de 2020 o MITMA anunciaba os traballos de redacción do proxecto de melloras de seguridade na N-120 e presentábaos ao Goberno municipal e ante unha representación da Plataforma veciñal de afectados. Non obstante, un ano despois o proxecto aínda está sendo revisado para exposición pública sen máis coñecementos sobre o proceso de supervisión. Por este motivo, a Corporación municipal tamén reclamará ao Goberno do Estado a que facilite a información sobre o cronograma das distintas fases de actuación cun calendario preciso e coa cuantificación dos custos.

 

Ademais, o pleno tamén aprobou cos votos do Goberno municipal a Conta Xeral do exercicio económico do ano 2020 cun remanente de tesourería de preto de 214.000 euros, un resultado positivo que indica a boa saúde financeira coa que conta o Concello. Tamén se deu luz verde por unanimidade ao restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión da xestión e explotación do Complexo Deportivo Álvaro Pino.