A Concellería de Medio Ambiente procede á retirada de distintos vertedoiros incontrolados

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, procede a novas retiradas de vertedoiros incontrolados e adianta que xa se investigan estes puntos na procura dos responsables. Rosa Covelo solicita á cidadanía toda a colaboración para manter a nosa vila máis limpa e coidada e convida a achegar a concellería todos os datos posibles para atopar ás persoas que non respectan as normas e a boa convivencia.

A cidadanía ten a súa disposición o punto limpo e o servizo semanal de recollida de enseres que son totalmente gratuítos. Non se pode consentir este tipo de actitudes completamente incívicas e dende a Concellería de Medio Ambiente faremos un seguimento de cada punto ata atopar aos responsables e proceder á pertinente sanción”.

Rosa Covelo explica que cada semana aparecen novos vertedoiros incontrolados a pesar de que o concello conta cun punto limpo no que depositar todo tipo de residuos procedentes dos fogares. Ademais, a cidadanía dispón dun servizo de recollida de enseres totalmente gratuíto.

Dende a concellería lembran que con tan só chamar ao teléfono do servizo de recollida de enseres, o 986 640 307, poderemos desfacernos deses mobles voluminosos sen ter que movernos da casa. Previa solicitude poderemos deixar os nosos enseres xunto aos contedores cada xoves desde ás 21 horas ata o venres ás 06:00 horas.