A concellería de Medio Ambiente e a de Ensino organizaron actividades escolares sobre compostaxe

No marco do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra, as Concellarías de Ensino, que dirixe Cristina Fernández, e a de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo Alonso, participaron estes días nunha serie de actividades didácticas (adaptadas pola situación da COVID-19) sobre compostaxe, no centro escolar Nosa Sra. dos Remedios.

O persoal do Revitaliza, xunto coa colaboración da mestra composteira do concello estivo no CEIP Nosa Señora dos Remedios, cos rapaces e rapazas de 5.º e 6.º de Primaria, para poñer en marcha un composteiro e aprender sobre a xestión dos biorresiduos. Ademáis, estará instalada ata o 23 de novembro, na entrada do centro escolar, a exposición itinerante sobre a compostaxe que consta de paneis informativos sobre o tema.

En Ponteareas, dentro do marco do Revitaliza, instaláronse dous centros de compostaxe comunitario e está en proxecto a instalación de máis centros para cubrir as necesidades dos habitantes das zonas urbanas. Tamén se levou a cabo con éxito un proxecto piloto na parroquia de Arcos, onde se repartiron composteiros individuais, xa que nas zonas rurais este tipo de compostaxe é a idónea.

É moi importante fomentar desde ben pequenos unha xestión dos residuos sostible e baseada nunha economía circular onde o máis importante e reducir, logo reutilizar e, por último, reciclar.

As actividades ofertadas para os centros educativos poden consultarse na web revitaliza.depo.gal, e consisten fundamentalmente en propostas presenciais “atractivas” para o alumnado a pesares da pandemia.