Cristina Fernández, edil de Educación, lembra “que se tratan de traballos que deberían ser feitos pola Xunta de Galicia, pero que desenvolvemos dende o Concello por unha cuestión de responsabilidade”

Sala de 160 m2 onde se instalará o comedor
O CEIP Fermín Bouza Brey conta, dende hai algunhas semanas, cunha sala habilitada de 160 metros cadrados para poñer en marcha o servizo de comedor escolar neste centro de ensino. Os traballos para acondicionar esta zona consistiron no derrube dunha parede que separaba dúas antigas aulas de Educación Infantil para capacitar unha mesma estancia; a apertura dunha nova porta para esta zona; o establecemento das canles de fontanería para a cociña instalada nunha sala anexa á mencionada que tamén servía como aula de Educación Infantil; a colocación de novas portas nos baños situados no corredor anexo á nova sala; así como a instalación dun novo teito de escaiola para a sala onde se situará o novo comedor.
Todas estas actuacións “son responsabilidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pois a Xunta de Galicia é o único órgano competente en materia de ensino”. Aínda así, lembra Fernández que “dende o Concello asumimos a responsabilidade de levalas a cabo, con persoal municipal, conscientes da imperiosa necesidade que ten este centro dun servizo de comedor, pois a carencia do mesmo impide que poida competir en igualdade de condicións con outros colexios do casco urbano”.

Exterior do edificio onde se instalará o comedor
O CEIP Fermín Bouza Brey conta este curso con 492 alumnos e alumnas, “pero leva anos perdendo alumnado”. De feito, no curso 2011/2012, este centro contaba con 620 nenos e nenas. Nese período, o CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera foi gañando alumnos ano tras ano e o CEIP Nosa Señora dos Remedios mantivo o seu número, polo que a explicación destas evolucións está directamente relacionada coa presenza de comedor nos dous últimos e a carencia do mesmo no primeiro”, asegura Cristina Fernández.
Dende o Concello “xa fixemos todo o que estaba na nosa man para que a posta en marcha do novo comedor sexa unha realidade, polo que neste momento a pelota está no tellado da Xunta”. Arestora, só quedan por “instalar algúns elementos da cociña, dos que tamén se fará cargo o Concello, para poder solicitar á inspección de Sanidade que dea o visto bo correspondente”. Unha vez obtido este permiso, “traballaremos para que a Xunta axilice o máximo posible os trámites de cara a incluír o comedor do Bouza Brey na súa rede de comedores”.
Dende o pasado mes de xullo, o consistorio levou a cabo outras actuacións destinadas a mellorar o estado das instalacións do CEIP Fermín Bouza Brey, como a reparación da cancela de entrada, o arranxo de dúas aulas de Educación Primaria (unha delas para unha nova aula de informática), o pintado de varias aulas, ou a instalación dun novo areeiro, entre outros.