A concelleira de Igualdade entrega os premios do concurso de debuxo contra a violencia de xénero

Un total de 144 escolares de diferentes centros educativos do concello participaron na primeira edición deste certame

entrega-premios-conx-deb-viol-xéneroVerónica Carrera, edil de Igualdade do Concello de Ponteareas, acompañada do alcalde, Xosé Represas, e da concelleira de Ensino, Cristina Fernández, entregou na tarde do venres, 18 de decembro, os premios correspondentes ao Primeiro Concurso Escolar de Debuxo Contra a Violencia de Xénero, organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello. Un total de 144 mozos e mozas escolarizados nos cursos comprendidos entre 3º de Educación Primaria e 4º da ESO presentaron os seus debuxos nas secretarías dos seus respectivos centros escolares.

A temática dos debuxos estivo relacionada coa violencia de xénero en moitos dos seus ámbitos. Os rapaces e as rapazas plasmaron nos seus debuxos situacións de violencia no eido das relacións de parella, no eido laboral e noutros ámbitos onde se exercen este tipo de abusos.

Carrera salientou a alta participación no certame, incidindo “no feito de que é no contexto educativo onde deben comezar as políticas destinadas a paliar a violencia de xénero”. A concelleira destacou “que non só houbo un alto nivel de cantidade senón tamén de calidade, o cal motivou que o xurado decidira entregar 4 accésits honoríficos en cada categoría (Primaria e Secundaria), ademais dos tres premios previstos para cada unha delas”.entrega-premios-conx-deb-viol-xénero-2

Os tres primeiros clasificados tiveron como recompensa un vale para poder adquirir material escolar en centros comerciais de Ponteareas. Os recoñecementos foron fallados por un xurado composto por profesionais dos campos educativo, artístico e de deseño gráfico.

O acto de entrega dos premios tamén serviu para que a Sala de Usos Múltiples da Biblioteca Municipal acollera a reprodución de dous vídeos realizados polos alumnos do CEIP Fraga do Rei de Santiago de Oliveira e do Colexio La Inmaculada e nos que varios autores dos debuxos presentados explican o motivo dos mesmos.