A concelleira de Emprego e Formación anuncia a contratación de trinta persoas desempregadas

A concellería de Formación e Emprego, dirixida pola socialista Vanesa Fernández, vén de facer públicas as listaxes de persoal que se vai contratar con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

 

“Cómpre que dende as institucións fomentemos o emprego e fagamos políticas activas de emprego orientadas a diminuir a taxa de paro, sobre todo agora, coa crise económica e social pola que estamos pasando. Ninguén pode quedar atrás e todos os recursos son poucos para axudar aos nosos veciños e veciñas”, afirma Vanesa Fernández, concelleira de Emprego.

 

Dendo o Goberno BNG-PSOE vanse destinar arredor de 324.000 euros na contratación de 13 peóns de medio ambiente, un/unha limpador/a, un/unha axudante de cociña, un auxiliar de clínica, tres albaneis, dous oficiais de oficios varios, un fontaneiro, dous peóns de vías e obras, dous auxiliares administrativos/as, un técnico/a en obra pública, un técnico/a de medio ambiente, un técnico/a en Administración pública e un animador sociocultural.

 

En todas estas categorías hai variedade e diversidade de formación e niveis para darlle oportunidade a un amplo abano de xente habendo algúns postos que requiren titulación e outros que non.

 

Dende a concellería infórmase que é imprescindible inscribirse na oficina de emprego de Ponteareas e as bases do proceso selectivo poderán consultarse na páxina web do concello no apartado “oferta de emprego público” ou no propio Centro de Desenvolvemento Local.

 

A concelleira Vanesa Fernández incide na importancia da colaboración entre administracións, como a Deputación de Pontevedra cos concellos; para poder achegar os máximos recursos aos veciños e veciñas “que son os que realmente precisan neste intre sentir as administracións ao seu carón”.