A Casa Cultural de Arcos conta cun novo parque infantil

O pasado venres 24 inaugurouse o novo parque infantil de Arcos, tralas obras de acondicionamento que se realizaron a finais do pasado ano, financiadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O novo espazo de xogos, que ocupa 250 m2, substitúe ao anterior que fora dotado pola propia veciñanza hai máis de seis anos. Cos traballos realizados a parroquia dispón agora dun novo, máis amplo e moderno parque infantil con diferentes xogos e columpios que conta con dúas torres multixogo destinadas a distintos tramos de idades para que todas as nenas e nenos entre os 0 e os 14 anos poidan xogar e dous muelles e columpios mixtos ofrecendo, en conxunto, un espazo lúdico no que compartir.

O parque, que foi adxudicado por 15.852,72 IVE incluído, sitúase no recinto exterior da Casa Cultural de Arcos, un amplo espazo de 3.500 m2, no que ademais do parque existe unha ampla praza, unha pista deportiva, zona de merendeiro, pista de petanca e chave e zonas verdes e de paseo.

O Concello aposta decididamente pola dotación de parques infantís nas parroquias porque contribúe a fixar poboación nova e con fillos no rural ofertándolles servizos de ocio infantil da mesma calidade que na vila.