A campioa galega de bádminton sub 11 foi recibida na Casa do Concello

O edil de Deportes, Benito Márquez, e o alcalde, Xosé Represas, coñeceron persoalmente a Sofía Álvarez

recepción-silvia-vazquez-2A xogadora do Club Bádminton Ponteareas, Sofía Álvarez, vén de proclamarse campioa de Galicia de bádminton na categoría sub 11, no campionato que se celebrou o pasado 28 de febreiro no Pavillón Multiusos da Estrada. Trátase do primeiro membro do club ponteareán que consegue o máximo recoñecemento no nivel autonómico en calquera categoría.

Sofía foi recibida na Casa do Concello polo alcalde, Xosé Represas, e polo concelleiro de Deportes, Benito Márquez. A flamante campioa de Galicia aproveitou para mostrar aos dous edís o seu trofeo de gañadora e para lles comunicar a súa inminente participación no campionato de España de bádminton en categoría sub 11 que terá lugar o vindeiro 13 de maio en Santander.

Tanto Represas como Márquez animaron a Silvia “a seguir gozando dun dos deportes emblema do municipio sen por iso descoidar os seus estudos”. Ámbolos dous representantes afirmaron que “é unha sorte contar con clubs que traballan tanto e tan ben cos cativos dende tan cedo, ensinando valores e mesmo atinxindo resultados deportivos de primeiro nivel”.

Álvarez acudiu ao Concello acompañada pola súa nai e polo presidente do Club Bádminton Ponteareas, Víctor Lemos, quen salientou a calidade dos xogadores e xogadoras que fan parte da entidade nestes momentos: “temos moitas posibilidades de acadar un bo resultado no campionato galego sub 9 que se celebrará o 19 de marzo en Ourense”.

Ademais, Lemos quixo lembrar a participación de Samuel Edreira no campionato galego sub 11 en categoría masculina “pois foi capaz de conseguir un oitavo posto estando enfermo e tamén a clasificación para o campionato de España do vindeiro mes de maio”.