A Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas reabríu hoxe as súas portas. O horario será o habitual, de luns a venres de 08:00 a 21:00 e sábados de 10:30 a13:30 h.
As e os usuarios deberán acceder pola entrada principal e sairán pola rúa Perillana. Deberán levar mascariñas e luvas e respectar as normas de organización que se explicitan na porta de entrada. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, indica que non poderán estar máis de catro persoas na fila de espera nin poderán acceder a outras dependencias da biblioteca.
Ademais, tamén existe a posibilidade da cita previa para axilizar e evitar esperas para os servizos de préstamo, devolución e emisión de carnés. Tan só haberá que chamar ao número de teléfono 986 660 765 ou enviar unha petición de cita a través do seu correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal
Así mesmo, atenderán as consultas bibliográficas tanto por correo electrónico como por teléfono. Mentres dure o estado de crise sanitaria e de acordo coa lexislación vixente quedan suspendidos os seguintes servizos:
• Consulta en sala de libros
• Uso de salas de estudo
• Uso de computadores ou outros medios informáticos de uso público
• Celebración de actividades nas instalacións da propia biblioteca
Fernando Groba informa que unha vez superada esta situación, volverán ofrecerse todos os servizos.
Desde a Biblioteca Municipal solicítase aos usuarios e usuarias que colaboren no cumprimento das medidas sanitarias así como a gardar a distancia establecida.
Nesta primeira fase de apertura, só o persoal da Biblioteca poderá acceder ao contacto cos libros, estando prohibido o mesmo por parte dos usuarios/ as.