A Biblioteca Municipal conmemora o Día do Libro cun espectáculo teatral para público infantil

 

Abertas as inscricións para gozar o xoves 21 (18.00 h) de ‘Conversas con Tana’, actividade encadrada no programa ‘Ler conta moito’

 

A Biblioteca Municipal conmemora o Día do Libro cun espectáculo teatral para público infantilA Biblioteca Municipal de Ponteareas súmase á conmemoración do Día Internacional do Libro cunha actividade pensada especialmente a público infantil. O vindeiro 21 de abril, ás 18.00 horas, chegará ás instalacións ‘Conversas con Tana’, un espectáculo teatral de Alejandro Gustavo Guanella dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos encadrado nas actividades do programa ‘Ler conta moito’.

 

Será un espectáculo baseado na ventriloquía onde un granxeiro e a súa cadeliña, Tana, manteñen unha fluída e divertida conversa na que van aflorando temáticas como Don Quixote, o fomento do hábito da lectura, o coidado e respecto polo medio ambiente, a alimentación, a igualdade de xénero, a música, o cepillado dos dentes e outras cuestións de cans e humanos e humanas tratadas dende o humor. Con música interpretada a dúo, a obra consta dun apartado de contos propios e con outro no que a propia Tana recita a poetas como Rafael Alberti, María Victoria Moreno ou Pablo Neruda.

 

Con estas actividades “buscamos promover entre o público máis novo non só o amor pola lectura, senón tamén a comprensión oral en galego ou o desenvolvemento da creatividade, facendo ver aos nenos e nenas a biblioteca como un espazo de lecer, aberto e participativo”, explica o concelleiro de Cultural, Fernando Groba.

 

As persoas interesadas poderán inscribir aos nenos e nenas a través do correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou chamando ao teléfono 986 660 765.