Sairá ás 12.30 horas dende o Concello e rematará cun concerto ás 13.00 horas no Parque da Perillana
O Concello de Ponteareas organiza unha nova actividade de lecer para o desfrute de toda a veciñanza. Este domingo 20 de xuño, a Banda de Música A.M. Reveriano Soutullo celebrará un pasarrúas polo centro de Ponteareas. A ruada sairá ás 12.30 horas dende diante da Casa Consistorial e levará a súa música polas rúas do centro ata o Parque da Perillana.
Xa no parque, a Banda ofrecerá un concerto a partir das 13.00 horas cun amplo repertorio adaptado a todas as idades, entre o que o público poderá escoitar música galega de sempre, con pezas de compositores ponteareáns, pero tamén con títulos máis modernos.
A Banda de Música do Conservatorio Reveriano Soutullo iniciou a súa andadura en 1996 baixo a batuta de José Fernández Prego, á que en 2001 se lle suma a Agrupación Musical Reveriano Soutullo con identidade propia e coa banda de música como principal expoñente. Cunha varios premios xa na súa traxectoria, a banda está formada na actualidade por máis de 50 compoñentes e conta entre eles cun grupo de novas incorporacións que comparten os seus estudos na Escola da propia banda coa súa especialización en distintos conservatorios.