A Aula Matinal de Ponteareas estará xestionada por Ponteocio

O goberno municipal, representado pola concelleira de Ensino, Cristina Fernández, e polo alcalde ponteareán, Xosé Represas, vén de asinar o convenio que garantirá o servizo da Aula Matinal durante o curso escolar 2015/2016

A Aula Matinal desenvolverase nos centros educativos CEIP Nosa Señora dos Remedios, CEIP Fermín Bouza Brey e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, con posibilidade de ser ampliada a outros colexios no caso de que estes estean interesados

Este programa educativo, dirixido a conciliar a vida laboral e familiar de moitas familias ponteareás, aínda ten aberto o prazo de inscrición

sinatura-convenio-aula-matinal-3O Concello de Ponteareas vén de asinar o convenio que permitirá prestar o servizo de Aula Matinal durante o curso escolar 2015/2016. O consistorio, representado pola concelleira de Ensino, Cristina Fernández, e polo alcalde, Xosé Represas, fixo efectiva a validez deste acordo en presenza dun representante de Ponteocio, empresa encargada de desenvolver esta función a partir do vindeiro xoves, 10 de setembro, data na que dará comezo o curso.

Este programa educativo, pensado para axudar a conciliar a vida laboral e familiar de moitas familias ponteareás, prestarase nos centros CEIP Nosa Señora dos Remedios, CEIP Fermín Bouza Brey e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera a partir das 07:30 horas, durante todos os días lectivos do curso. Se houbera algún outro colexio do concello interesado en adherirse a este programa, o propio Concello de Ponteareas engadiría un anexo ao convenio que vén de asinarse para facelo posible.

A petición de admisión realizarase cubrindo un impreso que se facilitará no centro educativo, ou ben nas oficinas municipais. O convenio recolle o compromiso por parte da empresa de manter reunións trimestrais cos pais e nais e co representante da Concellería de Ensino. A primeira delas terá lugar antes do inicio de curso, o vindeiro luns 7 de setembro, ás 20:30 horas, na sede de Ponteocio, situada na rúa Trovador Xoán García de Guillade, nº50.

Todos aqueles pais e nais que aínda non estean inscritos no servizo de Aula Matinal, tamén poderán facelo nesta primeira xuntanza, na que tamén se tratarán melloras do servizo que van encamiñadas a favorecer a conciliación laboral e familiar dos pais e nais da vila.

No lapso de tempo que vai dende a recollida dos nenos cuxas familias estean adheridas ao programa e o comezo das clases ordinarias, os monitores da Aula Matinal desenvolverán actividades lúdicas e de lecer seguindo un proxecto determinado que se pode consultar na web do Concello de Ponteareas (www.ponteareas.gal) ou a través desta ligazón, facendo un especial seguimento aos nenos e ás nenas de menor idade, ou con dificultades, que serán acompañados ata a súa correspondente aula.