A aula CeMIT prepara un mes de abril cheo de cursos e xornadas para todos os públicos

A aula CeMIT prepara un mes de abril cheo de cursos e xornadas para todos os públicos

 

Realizará un novo curso de informática básica para atender a alta demanda dos usuarios e usuarias e organizará xornadas de STEAM de Robótica Lego e Programación con Scratch para a rapazada durante Semana Santa

 

O mes de abril chega á aula CeMIT de Ponteareas cunha ampla programación de actividades para todos os públicos, con novas edicións dos cursos habituais pola alta demanda e innovadoras xornadas para que a mocidade goce durante a Semana Santa. “Este mes gozaremos dun calendario de actividades moi completo co que achegar a tecnoloxía á mocidade dun xeito consciente, responsable e divertido ao tempo que promovemos a inclusión no seu uso e proporcionamos ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, acabando coa fenda tecnolóxica”, explica o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

 

Unha das propostas para este mes de febreiro será un curso de manexo de teléfonos móbiles, que terá lugar os venres de 16.00 a 18.30 horas, xunto cun de elaboración de currículim vitae os luns 4 e 25 de abril de 11.30 a 14.00 horas. Ademais, organizarase un novo curso de informática básica para atender a alta demanda dos usuarios e usuarias os martes e xoves de 16.00 a 18.30 horas.

 

Como novidade, este mes a aula CeMIT ofertará un curso para aprender a manexar Google Maps (mércores de 16.00 a 18.30 horas); outro de compras por internet os días 5, 6 e 7 de abril de 18.30 a 21.00 horas e un centrado nas aplicacións de mensaxería instantánea como Whatsapp, Telegram ou Signal os días 19, 20, 21, 26, 27 e 28 de abril de 18.30 a 21.00 horas.

 

Por outra banda, durante as vacacións de Semana Santa a aula CeMIT desenvolverá os días 11, 12, 13 e 18 de abril dous cursos dirixidos á mocidade ponteareá de 6 a 13 anos, ambos inclusive. Serán unhas xornadas de STEAM de Robótica Lego, que se celebrará de 16.00 a 18.30 horas, e outras de programación con Scratch, que será de 18.30 a 21.00 horas.

 

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os luns de 09.00 a 11.30 h e os venres de 18.30 a 21.00 h.