A aula CeMIT de Ponteareas retoma a súa actividade con catro cursos de iniciación de balde este mes de febreiro

A aula CeMIT de Ponteareas retoma a súa actividade con catro cursos de iniciación de balde este mes de febreiro

 

A aula CeMIT de Ponteareas retoma este mes de febreiro a súa actividade con novos cursos presenciais e de balde abertos a toda a veciñanza. “Continuamos coa nosa aposta por promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos e as ferramentas necesarias para persoas de todas as idades poidan desenvolverse cun ordenador ou un dispositivo móbil, algo que cobrou vital importancia nos últimos tempos”, explica o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

 

Unha das propostas para este mes de febreiro será un curso de mecanografía no ordenador, que terá lugar luns de 11.30 a 14.00 h e venres de 16.00 a 18.30 h. Os e as ponteareáns tamén poderán asistir aos cursos de iniciación á informática (martes, mércores e venres de 18.30 a 21.00 h), ao correo electrónico (martes e mércores de 16.00 a 18.30 h) ou ao editor de textos LibreOffice Writer (mércores de 16.00 a 18.30 h).

 

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que será luns de 09.00 a 14.00 h e de martes a venres de 16.00 a 21.00 h.

 

Dende a Concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez anímase a toda a veciñanza a acudir a usar a aula e a participar nestas actividades que buscan “derrubar estereotipos e espertar vocacións entre a mocidade, pero tamén prestar especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”.