A aula CeMIT de Ponteareas programa oito novos cursos de balde para este mes de novembro

A aula CeMIT de Ponteareas programa oito novos cursos de balde para este mes de novembro

O uso da nube, aplicacións como Duolingo ou Libre Office, sacarlle partido aos móbiles ou crear currículos con Canva serán algunha das actividades

A aula CeMIT de Ponteareas prepara para este mes de novembro unha programación cargada de actividades dirixidas a todos os públicos. En total serán 8 cursos de balde “coas que achegar a maiores pero tamén ás novas xeracións o coñecemento das aplicacións gratuítas ou o emprego de todo o potencial que ofrece internet, xa que nun mundo cada día máis tecnolóxico é fundamental ter as ferramentas axeitadas, sexa cal sexa a idade dos usuarios e usuarias”, explica o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

A programación mensual arrancará cun curso dunha hora para aprender a empregar a nube en internet que se celebrará o mércores 2 de novembro de 17.00 a 18.00 horas. Ese mesmo día de 18.00 a 21.00 horas realizaranse as probas presenciais exclusivas para as persoas que remataron algún curso de teleformación na plataforma EMA. A semana rematará cun curso o 3 de novembro de 16.00 a 21.00 horas sobre o uso de Duolingo, unha aplicación gratuíta coa que aprender diferentes idiomas.

Do 7 ao 11 de novembro (de 16.00 a 18.00 horas) a aula CeMIT acollerá un obradoiro de dez horas no que as persoas participantes aprenderán a sacarlle o máximo partido aos seus teléfonos móbiles. Á semana seguinte as clases estarán centradas en comezar a empregar o Libre Office cun curso que se impartirá do 14 ao 18 de novembro de 16.00 a 21.00 horas.

Por outra banda, este mes as persoas usuarias tamén poderán achegarse aos conversores de ficheiros cun curso o 21 de novembro de 16.00 a 21.00 horas ou a crear orixinais currículos grazas a Canva o 28 de novembro, tamén de 16.00 a 21.00 horas. Ademais, as e os ponteareáns poderán participar nas clases prácticas de ofimática que terán lugar os días 22, 23, 24, 29.e 30 de novembro e 1 de decembro de 16.00 a 21.00 horas.

As persoas interesadas en realizar estes cursos ou calquera dos outros obradoiros que se ofertan mensualmente deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula.