A aula CeMIT de Ponteareas prepara un mes de xullo centrado no lecer, a robótica, as vendas ou os idiomas  

A aula CeMIT de Ponteareas prepara un mes de xullo centrado no lecer, a robótica, as vendas ou os idiomas  

 

Este mes tamén haberá un curso de videochamadas e de creación e edición de PDF

 

A aula CeMIT de Ponteareas prepara un mes de xullo centrado no lecer e na aprendizaxe a través de internet con seis novos cursos de balde para todos os públicos e centrados en temas actuais coas que achegar as novas tecnoloxías a persoas de todas as idades. “Queremos ofrecer á mocidade actividades que sexan do seu interese, afondando en novas tecnoloxías como a robótica Lego ou a impresión 3D, ao tempo que traballamos para reducir a fenda dixital achegando ás persoas maiores ferramentas que poden empregar na súa vida cotiá”, explica Benito Márquez, concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

 

A programación mensual da aula arrancou cun curso sobre lecer en internet que se impartiu do 1 e  4 de xullo e que continuará este venres 8. Esta semana a formación complétase cun interesantísimo curso sobre impresión 3D e robótica Lego, coa que aprender dun xeito educativo e sinxelo os segredos da programación.

 

Por outra banda, do 11 ao 14 de xullo as protagonistas serán as vendas por internet cun curso no que se achegará a todas e todos os participantes aos marketplaces. Xa o 18 e 21 de xullo, as persoas interesadas en aprender novas linguas coñecerán e aprenderán a manexar diferentes apps de idiomas e os días 19 e 20 o curso será sobre o funcionamento das videochamadas. O mes pecharase os días 26, 27 e 28 de xullo cunha formación sobre a creación e edición de PDF.

 

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os venres.