A aula CeMIT de Ponteareas oferta unha programación innovadora e adaptada ás demandas das persoas usuarias

A aula CeMIT de Ponteareas oferta unha programación innovadora e adaptada ás demandas as persoas usuarias

En xuño a aula comezará a usar material disruptivo e prepara actividades para a rapazada coincidindo coa primeira semana de vacacións estivais

A aula CeMIT de Ponteareas ofertará o vindeiro mes de xuño unha programación ampla e innovadora deseñada atendendo á demanda das persoas usuarias, fomentando a adquisición de habilidades dixitais entre a veciñanza. O concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, destaca a importancia da formación en novas tecnoloxías “a todas as idades, xa que só así poderemos superar a fenda dixital á que se enfrontan as nosas e nosos maiores e ofrecer a nenos e nenas a formación necesarias sobre ferramentas que para eles e elas son de uso cotiá. A tecnoloxía está presente no noso día a día e é fundamental que todas e todos os ponteareáns teñan acceso a ela e saiban empregala correctamente”.

O mes arrancará cun curso de titorización TIC os días 1 e 5 de xuño, para logo dar paso ás aulas TIC para persoas desempregadas, que se realizarán os días 6, 7 e 8 en horario de 15.30 a 20.30 horas. As persoas interesadas en achegarse ao mundo dos móbiles poderán inscribirse en dous cursos programados para este mes, un de iniciación que se impartirá os días 13, 15, 20, 22 e 17 de 16.00 a 18.00 h e outro algo máis avanzado que será os días 19, 21, 26 e 28 tamén en horario de 16.00 a 18.00 horas.

Unha das novidades da programación deste mes será a celebración dun curso de seis horas para aprender a manexarse con Proton Mail, o servizo de correo electrónico cifrado de extremo a extremo máis grande do mundo que garante que ninguén poida acceder aos correos electrónicos do usuario ou usuaria. Será os días 13 e 15 de xuño de 18.00 a 21.00 horas.

Por outra banda, haberá un taller para aprender a deseñar e crear currículos con Canva o día 21 de 18.00 a 21.00 horas e outro para mergullarse na experiencia inmersiva da realidade virtual co curso de Lente RV que se impartirá o día 19 de xuño de 18.00 a 21.00 horas. Con este curso formativo, a aula CeMIT de Ponteareas incorpora á súa actividade formativa ao material disruptivo facilitado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Na última semana do mes, rapazada e mocidade serán os protagonistas da Aula CeMIT, xa que coincidindo co inicio das vacacións estivais incluirase a actividade Maker Kids dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos. O curso ofrecerá unha forma de aprender e desenvolver actividades tecnolóxicas de xeito divertido e dinámico os vindeiros días 26, 27 e 28 de xuño de 18.00 a 21.00 horas. O taller rematará cunha xincana maker en Santiago.

Ademais destas oportunidades de mergullarse nas novas tecnoloxías, a aula CeMIT reservará unha xornada para exames presenciais para as persoas que remataron os cursos de teleformación na plataforma EMA o día 5 de xuño  de 16.00 a 18.00 horas.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os venres de xuño de 16.00 a 21.00 horas.