A Asociación Ponteareas Comercial pon en marcha un concurso de escaparates

Poderanse inscribir todos os comercios de Ponteareas e o prazo para facelo remata o 17 de decembro ás 12:00 horas

escaparateA Asociación Ponteareas Comercial organiza un concurso de escaparates no que poderán participar todos os comercios de Ponteareas que estean interesados. O prazo para inscribirse no certame remata o vindeiro 17 de decembro ás 12:00 horas e para facelo é preciso enviar un correo electrónico cos datos do establecemento (nome, razón social, enderezo completo e teléfono de contacto) e unha fotografía do mesmo ao enderezo electrónico ponteareascomercial@yahoo.es.

Os comercios serán identificados cun número para facilitar o labor dun xurado que estará composto por membros do goberno local de Ponteareas, membros de executivos municipais doutras localidades e representantes de asociacións do concello.

O primeiro clasificado recibirá un diploma e unha cesta de Nadal, entanto que o segundo e o terceiro clasificados serán recoñecidos con senllos diplomas.