A arte floral de Ponteareas luce na cidade lusa de Braga

Ponteareas leva a súa arte floral á cidade de Braga por segundo ano consecutivo. O goberno de Ponteareas en colaboración cos e coas alfombristas agasallou unha alfombra floral de sete metros de diámetro ao concello de Braga para lucir nun dos tramos máis concurridos da procesión de Semana Santa durante todo o día de hoxe. 

Milleiros de turistas poden contemplar a arte floral de Ponteareas grazas á colaboración da concellería de Turismo da cámara de Braga, que encabeza o vereador D. Altino Bessa e á colaboración da Deputación de Pontevedra.

A boa relación entre as dúas cidades permite promocionar tanto a tradición da semana santa de Braga como as alfombras florais de Corpus.

A alfombra realizada é unha mostra das emblemáticas alfombras que se realizan na Praza Maior.

Ademais, a concellería de Cultura, que dirixe Hortensia Bautista, promociona hoxe nesta cidade lusa a segunda edición de Ponte a Portu-Gal que terá lugar do 25 ao 27 de abril e no que se estudará e porá en valor a estreita relación entre Portugal e Galicia a través de exposicións fotográficas, relatorios, roteiros musicais e concertos entre outras actividades programadas.

No día de hoxe tamén participou no encontro do proxecto Galilusofonía coordinado por Jaime Torres, da asociación “Cantos de aqui” para dar a coñecer as xornadas de Ponteareas. No encontro participaron, entre outros, o Presidente da Uniao de Freguesías de Nogueiro e Tenoes e representantes de asociacións participantes da GaliLusofonia e o alcalde de Ponteareas entre outros.