A aparición de tubaxe con amianto condiciona momentaneamente as obras da Praza de Bugallal

O concello cualifica de bulo as informacións sobre unha suposta paralización por Patrimonio

Os traballos céntranse agora en localizar todas as tubaxes de fibrocemento para retiralas a través dunha empresa autorizada

O Concello de Ponteareas informou hoxe da aparición na Praza de Bugallal de tubaxe soterradas de fibrocemento con amianto, destinadas ao abastecemento de auga. Segundo o goberno local trátase de conducións antigas que, a diferenza doutras tamén existentes na mesma praza, nunca foron renovadas e cuxa existencia non constaba no Concello. “Cada vez que se escava unha rúa de Ponteareas aparecen sorpresas como consecuencia de décadas de descontrol na ocupación do subsolo”, salientan desde o goberno municipal.

 

O amianto é un composto mineral que se atopa no fibrocemento e pode ser perigoso para a saúde humana. A súa comercialización e uso está prohibido desde 2001. A súa aparición nas primeiras escavacións da Praza de Bugallal conlevou que os responsabeis de seguridade e saúde da obra activasen o protocolo especial de retirada de amianto. Seguindo o protocolo a empresa adxudicataria e Viaqua, concesionaria do abastecemento de auga, están facendo os traballos para localizar máis tubaxes con amianto que poidan existir no ámbito da obra. Seguidamente contrataranse os traballos de retirada do fibrocemento a unha empresa autorizada para o tratamento deste material perigoso.

 

O amianto é un composto perigoso para a saúde que se libera no fibrocemento cando este se manipula, se rompe, corta ou tritura. Por ese motivo os traballos de escavación na obra foron suspendidos, continuándose outras actuacións que son compatibeis con esta incidencia, coma o transplante das árbores.

 

Por outra banda, o goberno local cualifica de “bulos e falsidades lamentabeis as informacións propagadas por redes sociais e por algún colectivo, afirmando ou insinuando que as obras estarían paralizadas por orde de Patrimonio”. O Concello lembra que a obra conta coa autorización deste organismo. Segundo o executivo local “este bulo súmase ao que se lanzou días atrás afirmando que as árbores da Praza de Bugallal se ían cortar. O interese dalgún grupo por impedir a toda costa que se fagan obras en Ponteareas en ningún caso xustifica recorrer a bulos, mentiras ou falsidades”, sinalan desde o goberno municipal que pide “rigor e seriedade nas críticas”.