A Festa do Libro inundará o Parque da Perillana durante a tarde do 29 de abril

Con motivo do Día Internacional do Libro, a concellería de Cultura organizará unha tarde chea de actividades relacionadas coa lectura

 

book-25155_960_720O venres, 29 de abril, dende as 17:00 e ata as 19:00 horas, o Parque da Perillana acollerá a Festa do Libro, unha celebración motivada polo Día Internacional do Libro que ten programadas varias actividades relacionadas coa lectura a e afección pola literatura, organizadas dende a Biblioteca Municipal, dependente da concellería de Cultura que xestiona Hortensia Bautista.

Despois de ser adiada polo mal tempo ocorrido a pasada semana, e tal como se anunciou en datas recentes, haberá unha unha exposición fotográfica coas preto de 200 propostas e suxestións ofrecidas polos lectores da propia Biblioteca e tamén do resto da veciñanza. Unha iniciativa que ten como principal obxectivo plasmar as razóns polas que os lectores e as lectoras gustan dun determinado libro, as cales poden ser infinitas.

A xornada vespertina estará acompañada de diferentes obradoiros, música, xogos relacionados coa procura de diferentes libros e personaxes, e a posibilidade de que os nenos e nenas que se acheguen poidan levar consigo unha planta que apadriñarán dándolle o nome do libro que eles escollan.

Ademais as pólas das árbores da Perillana conterán adiviñanzas e distintos tipos de enigmas relacionados co libro e con Manuel María, o auto que será homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que os asistentes deberán solucionar.