Ponteareas homenaxeará a Fermín Bouza Brey

O Concello organiza, xunto á Irmandade Xurídica da Fala e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, un acto de galeguización xurídica no que se presentará unha placa en honor ao prestixioso xuíz

cartaz fermin bouza breyO 31 de marzo cúmprense 115 anos do nacemento de Fermín Bouza Brey en Ponteareas. Fillo predilecto do Concello, Bouza Brey foi un xuíz que compaxinou a súa traxectoria como xurista cos labores de investigación histórica e creación literaria, chegando a ser membro da Real Academia Galega.

Aproveitando este aniversario, o Concello de Ponteareas organizará, en colaboración coa Irmandade Xurídica Galega e a Secretaría xeral de Política Lingüística, un acto de galeguización xurídica o vindeiro xoves, 31 de marzo, que servirá para presentar un unha placa conmemorativa nas proximidades do Edificio dos Xulgados da vila en honor a Bouza Brey.

A partir das 18:30 horas, o alcalde, Xosé Represas; a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o fiscal da Fiscalía Superior de Galicia e membro da Irmandade Xurídica Galega, Carlos Varela García; e os alcaldes da comarca descubrirán unha placa coa cara de Fermín Bouza Brey e na que se salientará o labor como xuíz e galeguista do que é Fillo Predilecto de Ponteareas dende 1992.

A xornada rematará cunha palestra que terá lugar na Casa do Concello a partir das 19:00 horas e que leva como título “Bouza Brey, xuíz e galeguista”. Nela participarán o propio Carlos Varela García; o secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González Martínez; e a avogada e escritora, Isabel Blanco.

Xosé Represas mostrouse moi satisfeito pola “celebración dunha xornada que permitirá render unha merecida homenaxe ao labor exercido en diversos campos por Fermín Bouza Brey e que permitirá que os alcaldes asistentes asinen un documento no que se recollen os compromisos de galeguización das actividades xurídicas das respectivas corporacións locais. O acto tamén contará coa presenza de avogados e procuradores que exercen no Partido Xudicial de Ponteareas”.