A nova dirección do Conservatorio de Ponteareas quere “sacar o centro á rúa” con actuacións ao aire libre e en locais

Francisco Abal Rosales dirixe o centro dende xaneiro

conservatorioO Conservatorio Municipal de Música Reveriano Soutullo iniciou no pasado mes de xaneiro unha nova etapa co nomeamento da nova dirección composta por Francisco Abal Rosales (director), María Inés Vicente Pereira (Vicedirectora), Montserrat López Caamaño (Xefa de Estudos) e Sonia Fernández Conde (Secretaria Académica).

Dous meses ao cargo dun centro que “pretendemos estea máis cerca da veciñanza do que estivo até agora, tentando facer máis visible o traballo que se desenvolve dentro do Conservatorio, que é moito e moi bo, tanto no relativo ao ensino superior como á Escola Municipal de Música Vila de Corpus”, sinala o seu director, Francisco Abal, quen tamén manifesta o obxectivo de lograr o máximo consenso con toda a comunidade do Conservatorio.

Para conseguilo, o Conservatorio Municipal de Música Reveriano Soutullo xa está participando activamente en diversos actos organizados dende o Concello, como foi o acto oficial no que se celebrou o Día Internacional da Muller, coa actuación dunha parte do alumnado e dos mestres Luis Caballero (violonchelo) e Miguel González (guitarra). O domingo, 13 de marzo, as alumnas de piano Melanie Da Silva e Rosana Cayetano participarán no acto de homenaxe a máis de 10 mulleres que romperon as barreiras da violencia de xénero, que terá lugar no Auditorio a partir das 18:00 horas.

A nova dirección tamén ten previsto a celebración de 2 concertos de fin de trimestre no Auditorio Municipal os vindeiros 17 e 18 de marzo, ademais dunhas xornadas de portas abertas entre os días 1 e 15 de abril para todos aqueles alumnos e alumnas que estean interesados en cursar os seus estudos no CMUS Reveriano Soutullo nun futuro próximo, tendo a oportunidade de coñecer ao que sería o seu profesorado e participando, durante eses días, como ouvintes nalgunhas clases de especialidade instrumental.

O proceso de selección do novo director “foi baseado nun concurso de méritos e na valoración do proxecto presentado por cada candidato, valoración realizada por un tribunal conformado por profesionais doutros conservatorios. Un proceso transparente e exemplar”, recorda a concelleira de Ensino, Cristina Fernández.

A nova directiva xestionará o Conservatorio Municipal de Música Reveriano Soutullo e a Escola de Música Vila de Corpus até o final do curso académico 2018/2019. O Conservatorio conta neste momento con 185 alumnos e a Escola de Música con 91.