Cristina Fernández lembra que no presente curso houbo un total de 70 alumnos que non souberon que centro lles correspondía até poucos días antes do inicio do mesmo

Cristina Fernández, concelleira de Ensino
“A Consellería de Educación ten que asumir dunha vez por todas a enorme demanda de alumnos de Bacharelato existente en Ponteareas”. Así de rotunda se mostraba a edil de Ensino, Cristina Fernández, despois de remitir un escrito á Xefatura Territorial de Educación no que se explica “a masificación do alumnado de Bacharelato nos IES Val do Tea (210 alumnos e alumnas entre 1º e 2º bacharelato) e Pedra da Auga (140 alumnos), e a necesidade de crear novos grupos para dar resposta a cada vez maior demanda”. Son cifras “excesivamente altas, que obrigan a que no Val do Tea haxa unha media de máis de 30 alumnos por cada clase e que o Pedra da Auga teña un promedio de 28 estudantes por aula”.
Fernández asegura que “esta saturación é debida a que o IES Ponteareas non conta con permiso para impartir os dous cursos de Bacharelato”. O desequilibrio entre a oferta e a demanda fai que, por exemplo, “case 70 alumnos e alumnas quedaran sen praza en primeira instancia o pasado ano para cursar o Bacharelato, tendo que ser ubicados no mes de setembro, coa incomodidade que iso supón para as familias e os estudantes en termos de planificación, pois non coñecen cal é o centro que lles corresponde até poucos días antes de que dea inicio o curso escolar”.
En Ponteareas existen 5 centros escolares (IES Val do Tea, IES Pedra da Auga, IES Ponteareas, o CPR Santiago Apóstolo e o CPR La Inmaculada) nos que se imparte Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e tan só 2 nos que se imparte Bacharelato (IES Val do Tea e IES Pedra da Auga).
O prazo de pre inscrición nos Centros Escolares xa está aberto, “polo que tanto a Dirección dos Centros como o alumnado necesitan coñecer a oferta dos estudos existentes, sendo absolutamente primordial aumentar o número de prazas de Bacharelato para o curso escolar 2016/2017”, sinalou Fernández.
Outras demandas
O escrito remitido pola concelleira de Ensino tamén ten en conta outras peticións relevantes no ámbito educativo ponteareán, como son a implantación de novos Ciclos Formativos Medio e Superior, “xa que existe unha demanda do alumnado non só de Ponteareas senón das comarca do Condado e A Paradanta”; medidas que palien a deficiencia de transporte entre estas comarcas e outras cidades como Vigo e Pontevedra, “a fin de que o noso alumnado poida desprazarse a realizar estudos que aquí non existen (Bacharelato de Artes, Ciclos Formativos, etc); a necesidade de ampliar a Educación de Adultos; e o urxente de acometer obras nas instalacións escolares existentes.