19 persoas comezan a traballar no Concello a partir do 1 de marzo

A incorporación dos novos traballadores e traballadoras finánciase con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

work-1105285_960_720Un total de 19 persoas comezarán a traballar no Concello de Ponteareas a partir do vindeiro 1 de marzo. Os contratos serán financiados con cargo ao Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra e terán unha duración que oscilará entre os 8 e os 10 meses. Tal e como se anunciou hai algunhas semanas, o Concello destinará a totalidade da liña prevista pola Deputación de Pontevedra para que Ponteareas xere novos postos de traballo destinados á conservación de bens e servizos municipais.

Deste xeito, o Concello contará a partir do vindeiro martes con 2 peóns de vías e obras, 5 xardineiros, 2 oficiais albaneis, 1 oficial electricista, 2 persoas para labores de limpeza, 1 peón de oficios diversos, 1 peón grumir, 1 auxiliar administrativo, 1 auxiliar de biblioteca, un técnico superior de obras públicas, un oficial de cociña e un técnico de medio ambiente.

Trátase dun exemplo máis do “firme compromiso que este goberno local ten coa creación de emprego. Ao longo dos vindeiros meses de abril e maio, outras 15 persoas desempregadas comezarán a traballar no Concello de Ponteareas a través do Plan Concellos 2016 da Deputación”, sinalou o alcalde e responsable da área de emprego, Xosé Represas. Ademais, “o proceso de selección foi efectuado coa máxima transparencia e garantindo a igualdade de oportunidades, avisando á veciñanza con moito tempo de antelación á presentación da oferta na Oficina de Emprego a través de diferentes canles”, engadiu Represas.