O alcalde e a concelleira de Ensino recibiron a unha delegación dos alumnos e piden unha reunión a catro bandas para esixir “á Xunta que poña fin aos case 3 meses de inactividade que acumulan os estudantes”
Os alumnos do primeiro e segundo curso do ciclo formativo de grao medio de Electromecánica de Vehículos Automóbiles que se imparte no IES Pedra da Auga continúan coa folga indefinida que iniciaron o 23 de febreiro. A decisión foi tomada polos propios estudantes despois de acreditar que a reunión mantida o propio 23 de febreiro entre a Xefatura Territorial de Pontevedra da Xunta de Galicia e os profesores do curso e maila dirección do centro non ofrece unha solución inmediata.
“Estamos fartos de prazos, levamos case 3 meses sen poder facer as prácticas. O que agora nos propoñen é facer unha transferencia de diñeiro para que sexan os profesores os que fagan as compras do material que necesitamos, pero aínda non sabemos cando poderemos volver a traballar con normalidade, polo que mantemos a nosa protesta e seguiremos sen ir a clase”, asegura Roberto Carlos Martínez, alumno de 2º curso e voceiro dos alumnos nesta folga.
Segundo a dirección do IES Pedra da Auga, a Xefatura Territorial comprometeuse na reunión a facer a transferencia mañá mesmo, 24 de febreiro. En calquera caso, Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, e Cristina Fernández, concelleira de Ensino, recibiron aos case 40 alumnos que cursan 1º e 2º deste ciclo formativo. Represas transmitiulles “todo o apoio por parte do consistorio” e asegurou que “pediremos que mañá se celebre unha reunión na que esteamos presentes representantes do Concello, da Xefatura Territorial, da dirección do centro e por suposto do alumnado afectado”. Un encontro que “permitirá que coñezamos de primeira man se os compromisos adquiridos se cumpren”.
Pola súa banda, Fernández recordou que “o centro de ensino está a facer todo o posible para que a situación mellore, pero a Consellería de Educación non só leva 3 meses sen ofrecer unha solución alternativa, senón que ademais tampouco está a ter o valor de dar a cara para ofrecer as explicacións pertinentes a uns alumnos que levan moito tempo sen poder adquirir os coñecementos para os que se matricularon”. A edil de Educación lembrou tamén que “as prácticas en empresas destes alumnos comezan o vindeiro mes de abril e todos eles van chegar sen a preparación precisa para realizalas”.
Compromiso do centro de ensino
Dende o IES Pedra da Auga “fixéronse todos os trámites necesarios para que a Consellería envíe material de reposto que permita substituír o que se perdeu no incendio, pero unha gran parte aínda non chegou”, aseguran representantes do instituto. O centro escolar encargouse, ademais, de “contratar a unha empresa para que realizara os traballos de limpeza das instalacións afectadas polo incendio, adiantando o diñeiro que posteriormente terá que nos devolver a propia Consellería”. Dende o propio centro informan que “durante este tempo unha parte da formación práctica se desenvolveu dende o taller de tecnoloxía, pero obviamente non é suficiente para impartir a oferta educativa deste ciclo”.
“Os nosos mestres preocupáronse, entre outras cousas, de conseguir vehículos formidables para a nosa aprendizaxe e non os podemos utilizar por falta de material”, recoñece o alumno Roberto Carlos Martínez. Os estudantes están a recoller sinaturas de apoio ás súas reclamacións e até o momento xa conseguiron máis de 150 firmas.
O accidente
O incendio tivo lugar na madrugada do pasado 24 de novembro na aula de automoción, calcinando dous dos vehículos utilizados polos alumnos, a mesa de ferramentas e afectando tamén a algunhas aulas de estancias superiores.