Ponteareas aproba a creación dunha praza de Inspector de Policía

A proposta foi aprobada cos votos a favor do goberno, a abstención de EU-Son e coa ausencia dos grupos municipais de ACIP e do PP

A Policía Local de Ponteareas contará cun Inspector, despois de que a corporación municipal aprobara en sesión plenaria extraordinaria a creación desta praza contando cos votos a favor do goberno, a abstención de EU-Son e coa ausencia dos grupos municipais de ACiP e PP, que se levantaron dos seus asentos antes de comezar a votación.

A creación desta praza enmárcase no conxunto de xestións que o goberno leva feito e seguirá facendo para modernizar o corpo de Policía Local, como a cobertura dunha praza de Oficial.

A previsión do goberno é que co nomeamento nos vindeiros días deste Oficial o cambio sexa percibido pola cidadanía de inmediato, cunha mellor e máis eficaz regulación do tráfico, unha maior presenza da policía nas rúas, unha mellora nos dispositivos de seguridade para evitar a comisión de delitos. Ademais, o goberno reestruturará o servizo para abranguer tamén outros labores de policía en materia urbanística ou medioambiental.

A concelleira de Seguridade Vanesa Fernández lamentou a postura do PP e ACIP que non apoiaron a creación da praza de inspector. “Despois de manter durante décadas o servizo da Policía Local en pésimas condicións agora tampouco apoian os esforzos deste goberno para modernizalo e convertelo nun corpo eficaz para resolver os problemas dos cidadáns”, indicou a edil.