O Parque Avisoureira acollerá a Primeira Exaltación do Pemento de Guláns

A degustación do característico produto da parroquia ponteareá dará comezo a partir das 10:30 horas do domingo, 27 de setembro

O cultivo desta especie de pemento autóctono conta na actualidade con 12 produtores

Q55A6279“Un paso máis na promoción dun dos produtos máis característicos de Ponteareas”. Con estas palabras definía Francisco González, presidente da Asociación de Amigos do Pemento de Guláns, a Primeira Exaltación do Pemento de Guláns que terá lugar o vindeiro domingo, 27 de setembro, a partir das 10:30 horas no Parque Avisoureira, situado ao carón da Casa Cultural desta parroquia ponteareá.

Un evento que foi presentado no propio Centro Cultural e que ofrecerá a todos os asistentes a oportunidade de degustar unha ración, a prezos populares, que incluirá o característico pemento, porco celta de Deva, pan do Porriño e viño.

Ademais, o parque será testemuña da instalación de varios postos con diferentes produtos da terra, como requeixo, mel e cervexa artesanal. Os encargados de xestionar os mencionados postos doarán parte dos seus produtos para que a  organización poida desenvolver unha pequena festa gastronómica ao longo da mañá; unha mañá que tamén estará amenizada pola música do grupo tradicional Son da Triga.

Os traballos de recuperación da semente xeneticamente auténtica do pemento de Guláns comezaron no ano 2009 no Centro de Experimentación Agraria de Entenza, en Salceda de Caselas, grazas a un proxecto comandado por aquel entón pola Consellería de Medio Rural. Xa en 2014 e despois de anos investigación, os veciños e as veciñas de Guláns comezaban a plantar de novo unha especie que “se cultiva nesta parroquia cando menos dende os anos 50 do pasado século”, tal e como sinala o presidente da asociación, Francisco González.

A presentación contou coa presenza de varios membros do goberno local, como a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, a primeira tenente de alcalde María Jesús Garrote, e o propio alcalde, Xosé Represas. Precisamente o rexedor aproveitou para “expresar o compromiso do executivo con todas aquelas iniciativas que revitalicen e potencien o labor que se fai no rural, e como non, cunha especie de pemento tan característica, que se a día de hoxe segue viva e grazas ao traballo dos veciños e veciñas desta parroquia e dos membros da asociación de amigos do pemento de Guláns”.

Francisco González valorou moi positivamente “o apoio que a asociación está a recibir dende o actual goberno local”. Un respaldo que espera que “axude a promover cada vez máis o cultivo deste pemento e a conseguir un investimento que permita crear unha marca propia coa poder comercializalo nun futuro”. Trátase este dun proxecto que o propio González recorda que tería “un impacto positivo no mercado laboral, posibilitando dar unha saída profesional a moitas persoas da parroquia e doutros puntos da vila”. Máis a curto prazo, o presidente da Asociación de Amigos do Pemento de Guláns especificou a vontade de “ofrecer, para o vindeiro ano, o produto envasado e tamén marmelada de pemento de Guláns”