50 mozos ponteareáns se beneficiarán dunha nova edición do programa “Actívate”

programa-activateUn total de 50 mozos e mozas de entre 16 e 35 anos, desempregados ou non, poderán participar dunha nova edición do programa “Actívate” grazas a un acordo de adhesión entre a Deputación de Pontevedra e Concellería de Emprego do Concello de Ponteareas, dirixida por Marisol Valado.

As accións formativas previstas dende a concellería son dúas: Acompañante de comedor Escolar e Deseño, Planificación e Desenvolvemento de Actividades de Lecer e Tempo Libre.

Na primeira delas os alumnos poderán coñecer a normativa legal dos comedores escolares, ademais de profundizar nas tarefas do acompañante, así como na organización de actividades e dinámicas para o tempo libre. A segunda pretende analizar o contexto da animación sociocultural e transmitir a relevancia educativa da súa actuación.

Ámbalas dúas teñen unha cota máxima de 25 alumnos e cada unha delas terá unha duración de 40 horas.

Con esta nova edición do programa “Actívate”, conséguense dous obxectivos fundamentais: por unha banda a formación da xente nova residente en Ponteareas, e por outra, a mellora do seu desenvolvemento persoal, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecendo a súa incorporación ao mercado laboral.

As solicitudes deberanse presentar na oficina de rexistro do Concello de Ponteareas e porazo para facelo comezará o 18 de maio e rematará o 17 de xuño, ámbolos dous inclusive. Os interesados poden recibir información sobre os contidos dos cursos ou o proceso de solicitude no Centro de Desenvolvemento Local, en Lomba do Cruceiro 5, ou ben chamando ao número de teléfono 986 66 10 50.