50.000€ ratifican o apoio do goberno pontearán aos centros culturais

O goberno de Ponteareas a través da Concellería de Cultura e Lecer que dirixe Hortensia Bautista aumenta o seu apoio ás casas e centros culturais das vintecatro parroquias, así o respalda os 50.000€ de subvención específico para as casas culturais que recolle o orzamento municipal para este ano 2018.

Precisamente hoxe publícase no boletín oficial da provincia o orzamento aprobado en sesión plenaria para o 2018 e para ir adiantando tempo a pasada semana o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a concelleira de Cultura mantiveron un encontro cos representantes de todos os centros culturais nos que explicaron as bases da subvención.

O obxectivo é primar a actividade cultural no rural, colaborar nos gastos de mantemento e apoiar e potenciar todas as manifestacións creativas e artísticas que desenvolven estes 27 centros culturais nas parroquias.

O goberno de Ponteareas incrementou nun 20% esta partida que o ano pasado fora de 40.000€.

“Os centros culturais das parroquias son auténticos puntos de dinamización social e cultural e por iso dende a concellería que dirixo seguiremos apostando por apoiar o seu traballo e esforzo non só ofrecendo ferramentas como os cursos e actividades lúdicas se non tamén promocionando as súas iniciativas”, explica Bautista.

Nestes intres, a concellería de Cultura ofrece diferentes cursos de balde en distintas parroquias, ademais das actuacións programadas dentro do circuito cultural. Este ano impartíronse 26 cursos polos diferentes centros do rural financiados ao 100% polo concello. 

“Neste mandato levamos concedidos 170.000€ (con estes 50.000€ incluídos) en subvencións directas a centros culturais e seguirei apostando por incrementar esta subvención ademais da financiación das actuacións do circuito cultural e dos cursos”, amplía Hortensia Bautista.

O Alcalde de Ponteareas aposta, unha vez máis, polo traballo participativo e o diálogo cercano que tan bos resultados está dando nestes tres últimos anos, exemplo disto é a alta participación nesta reunión mantida cos centros culturais.