O 3º Budiño Raid percorrerá Ponteareas

A Tenente de Alcalde do Concello de Ponteareas, en nome da Concellería de Deportes, recibe aos corredores da terceira edición da Budiño Raid. Un raid de orientación que percorrerá os concellos de O Porriño, Salceda de Caselas, Ponteareas e Mondariz o sábado 30 e o domingo día 1 de outubro.
Un raid de orientación é unha “Competición multidisciplinar destinada a probar a capacidade de resistencia, de navegación e de supervivencia de equipos en completa autonomía. Os equipos deben completar un extenso percorrido no menor tempo posible, superando as dificultades naturais que atopen o seu paso utilizando exclusivamente as súas forzas, sen recibir axuda externa nin valerse de medios motorizados” (FEGADO).
Ao longo do percorrido combínanse varias disciplinas deportivas de resistencia como son a Bicicleta de Montaña ou BTT, a carreira a Pé por Montaña ou Trekking, o Kaiak, o Ráfting, a natación, etc… intercalando ademais probas especiais puntuais como poden ser a Escalada, o Rappel, a Tirolina, probas de Cordas, de Tiro, etc…
Os terreos nos que se desenvolven este tipo de probas soen ser en plena natureza, discorrendo sempre polos lugares máis emblemáticos das zonas delimitadas polos mapas, e sempre respectando os ecosistemas das áreas polas que se circula.
O 3º BUDIÑORAID vai ser a segunda proba da Liga Galega de Raids de Orientación 2017 e vai a discorrer polas chamadas TERRAS DO TEA ao longo de 160Km de distancia repartidos en duas etapas.
A Tenente de Alcalde, Chus Garrote, no nome de Benito Márquez, Concelleiro de Deportes, agradece á organización a súa iniciativa e traballo realizado e destaca a importancia deste tipo de probas non só a nivel deportivo senón tamén a nivel promocional dando a coñecer as paisaxes e riquezas das vilas participantes.