34 persoas comezan a traballar no Concello de Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos

O Concello destinará 307.000 euros ao Plan de emprego dos que 50.000 son de  fondos propios e 257.000 da liña prevista pola Deputación neste eido para xerar novos postos de traballo

 “É un exemplo máis do firme compromiso deste Goberno local coa creación de emprego”, asegura o alcalde Xosé Represas

Un total de trinta e catro persoas comezaron a traballar no Concello de Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos, a maioría neste mesmo mes de abril. Os traballadores e traballadoras incorporanse de xeito escalonado, algúns xa o fixeron dende o día 1 de abril e a maioría incorporarase nos vindeiros días, con contratos que oscilarán entre os 4 e 9 meses de duración e que servirán, afirma o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, “para que as persoas contratadas poidan desenvolver as súas competencias no ámbito da administración municipal”.

Salienta o rexedor local a importancia dun plan “que incentiva no seu proceso de selección, a situación de longa duración do desemprego e as situacións familiares máis desfavorecidas”.

O Concello de Ponteareas anunciaba xa hai algunha semanas, a súa clara intención de “destinar toda a liña prevista pola Deputación de Pontevedra neste eido, 257.000 euros, para que Ponteareas xere postos de traballo destinados á conservación de bens e servizos municipais. A este importe da liña da Deputación,  o concello engade 50.000 euros” nunha mostra clara “do firme compromiso que ten este Goberno local coa creación de emprego”, remataba Xosé Represas.

Dende o pasado día 1, de xeito escalado, estanse incorporarando ao cadro de persoal do Concello de Ponteareas 4 auxiliares de policía local,  1 técnico de deportes, 1 técnico de proxectos, 4 auxiliares administrativos, 1 auxiliar de puericultura, 1 técnico/a de son e audiovisuais para espectáculos, 3 oficiais de servizos varios, 1 técnico de turismo, 1 animador sociocultural, 4 oficiais albaneis, 2 peóns de obras públicas e 10 máis de medio ambiente.

Pola súa banda, o Concello de Ponteareas habilitou unha partida orzamentaria de case 50.000 euros para complementar o salario destes traballadores e traballadoras “que suporán un reforzo para o persoal municipal nos vindeiros meses nos que, co verán por medio, hai unha maior carga de traballo”, subliñou o alcalde Xosé Represas.