2ª Mostra de Artesanía Tradicional do Condado e A Paradanta en Nogueira

MediosEste xoves foi presentado no Concello de Ponteareas a 2ª Mostra de Artesanía Tradicional do Condado e A Paradanta que vai ter lugar en Nogueira o domingo 27 de abril de 2014.

Xunto ao alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, e ao concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, as representantes da asociación Tempo de Lecer de Nogueira explicaron detalladamente en que consistirá esta segunda mostra na que 60 artesáns de distintos puntos de Galicia farán unha exposición dos seus traballos e farán  unha demostración en directo da elaboración artesán dos seus produtos. Esta mostra que estará aberta desde as 11:00  ata as 21:00 horas, estará amenizada ao longo de todo o día con música galega e todos aqueles que así o desexen poden degustar o típico polbo á feira ou  o churrasco. Así mesmo, as organizadoras da mostra animan a todos os visitantes a asistir con roupa antiga galega.

O alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, loubou este tipo de iniciativas e reiteirou a colaboración do Concello de Ponteareas en todos os eventos organizados polas distintas asociacións parroquiais. Así mesmo, o responsable da Concellería de Cultura, Andrés Sampedro, destacou o carácter didáctico desta mostra onde os máis cativos se poden achegar a certos oficios artesáns descoñecidos para as xeracións máis novas.