O Concello presenta o libro “Rogelio Groba. Os acordes da natureza”

A concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe Fernando Groba, presenta este sábado día 26 ás 19 horas o libro de Fernanda Flores Rogelio Groba. Os acordes da natureza.

A sala de conferencias do auditorio municipal Reveriano Soutullo acollerá a presentación do último libro da colección Creadores Ponteareáns editada polo Concello de Ponteareas en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

No acto de presentación estarán a autora e secretaria da Fundación Rogelio Groba, Fernanda Flores Méndez, e o vicepresidente da Fundación, Rogelio Groba Otero acompañados pola alcaldesa en funcións Cristina Fdez. Davila e polo concelleiro de Cultura. Ademais, tamén estará a pintora ponteareá Aurora Quinteiro, autora do retrato ao mestre Rogelio Groba Groba.

A autora explica que “é unha aproximación á vida do mestre desde a visión dunha persoa que non é músico co obxectivo de dar a coñecer a traxectoria dun home posuidor dunha extraordinaria sensibilidade musical que se converte, sen pretendelo, no referente da composición galega. Un percorrido polas súas vivencias que se traducen en moitas ocasións en obras musicais que forman parte do patrimonio musical galego

Para asistir ao acto de presentación é imprescindíbel reservar no número de teléfono 618 70 56 35 ou no enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal

Editado baixo a colección Creadores Ponteareáns, iniciativa do Concello de Ponteareas, procura pór en valor o talento local e promove a difusión da cultura, incidindo na lectura e na importancia tamén da escrita.