O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e o concelleiro de Mocidade Miguel Bouzó, participaron onte martes nun encontro organizado pola Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía da Xunta de Galicia.
O motivo da celebración deste evento foi o de proporcionar ao persoal técnico e político dos Concellos da Provincia de Pontevedra, información de interese sobre que é o Pacto dos Alcaldes, os obxectivos a acadar e os compromisos que asume cada concello coa súa adhesión. Tamén se presentaron os avances da Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes, instrumento financiado pola Xunta de Galicia e coordinado dende a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, para asesorar aos Concellos na súa adhesión e na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable- PACES. Compre lembrar que actualmente xa son 147 os concellos galegos adheridos ao Pacto.
Seguindo na liña do compromiso de loitar contra o cambio climático adquirido no último pleno ordinario, Xosé Represas e Miguel Bouzó participaron no encontro xunto a máis de trinta alcaldes e técnicos que puideron coñecer os distintos mecanismos a través dos que a Xunta de Galicia presta apoio e asesoramento a través da Oficina Técnica do Pacto.